lunes, 21 de marzo de 2022

SonDeSeu festexa 20 anos de transformación orquestral da música de tradición oral cunha xira de concertos por Galicia na primavera


 

A orquestra creada na Etrad de Vigo conmemora sobre o escenario dúas décadas de promoción e evolución do folclore galego con catro actuacións especiais en formato acústico a celebrar en Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela

As entradas para os catro concertos, que terán lugar nos meses de maio e xuño, están á venda desde esta mesma mañá na plataforma dixital www.ataquilla.com

 

21 de marzo de 2022.- Galicia prepárase para celebrar esta primavera as dúas primeiras décadas de traxectoria dun dos proxectos musicais máis singulares do país. A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu festexará os seus 20 anos en activo cunha pequena xira de catro concertos en acústico, sen amplificación, por outras tantas localidades do país.

SonDeSeu é unha orquestra que agromou, hai dúas décadas, como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou o a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e tradicional), que favoreceu a creación dunha non só prometedora, senón efectiva, canteira de músicas e músicos que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e artistas como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen Paris ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

Coa intención de festexar estas dúas décadas de actividade, SonDeSeu realizará unha xira, nos meses de maio e xuño, por auditorios das localidades de Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. Será unha proposta inusual, xa que a orquestra actuará en espazos propios de concertos para formacións orquestrais de corte clásico. As entradas para poder gozar destes directos, están dispoñibles, desde hoxe mesmo, a través da plataforma dixital www.ataquilla.com

O primeiro dos concertos terá lugar, precisamente, na cidade que viu agromar a orquestra: Vigo. 12 de maio, o Teatro Afundación acollerá a actuación inaugural desta pequena xira galega. Nove días despois, o 21 de maio, SonDeSeu visitará o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa de cara ao mes de xuño, a orquestra achegarase a dous dos recintos culturais máis especiais da provincia da Coruña: o Teatro Colón (3 de xuño) da cidade herculina e o Auditorio de Galicia (18 de xuño) de Santiago de Compostela. Sen dúbida, serán dúas ocasións moi especiais que porán o ramo a unha pequena xira de celebración das nosas músicas que é posible grazas ao patrocinio do Concello de Vigo e a colaboración dos concellos de Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela.


SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai dúas décadas no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un entramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e intención de posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas deu lugar a numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk ou eventos ao vivo (‘Libro branco da Educación en Música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO), iniciativas que sitúan SonDeSeu como un gran referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e do continente europeo.