lunes, 14 de marzo de 2022

O Concello completa o acceso peonil que conecta o polígono de Pocomaco co Birloque



 

Abriuse un paso inferior baixo a vía do ferrocarril cun carril bici que conectará co resto de vías ciclables e sendas peonís

A Coruña, 14 de marzo de 2022.- O Concello da Coruña vén de rematar os traballos para dotar o polígono de Pocomaco cun acceso peonil e ciclista desde O Birloque. Con esta actuación mellórase a mobilidade entre estas zonas e tamén a seguridade viaria, pois ata agora o único paso baixo as vías do ferrocarril supoñía a invasión da calzada por parte dos peóns.

As obras consistiron na creación dun paso inferior baixo a vía do tren correspondente á intersección San Cristovo – Uxes. O acceso permite o paso tanto de peóns como de ciclistas a través dun carril que se conectará en próximas actuacións co resto de vías ciclables. Os Orzamentos Municipais do 2022, recentemente aprobados, contan con 1,5 millóns de euros para melloras e ampliación do carril bici coruñés.

Esta actuación forma parte da estratexia Eidus Coruña, contou cun orzamento de 403.383,33 euros e foi financiado ao 50% con fondos europeos FEDER. Ademais da creación do paso baixo as vías do tren, traballouse tamén na urbanización da contorna, mellorando as condicións nas que se atopaba.

Este novo paso peonil cumpre todos os estándares de accesibilidade. Trátase dunha demanda veciñal que o Goberno de Inés Rey asumiu e levou a cabo.