O proxecto creará zonas de lecer e descanso, ademais de potenciar o
comercio local e mellorar a mobilidade peonil coa creación dun espazo
seguro
A Coruña, 4 de febreiro de 2022.- As obras de reurbanización e peonalización das rúas
Alcalde Marchesi e Primavera comezarán este próximo luns 7 de febreiro. O inicio dos
traballos anunciounos este venres a alcaldesa Inés Rey, que incidiu en que o seu Goberno
cumpre deste xeito unha “demanda histórica” dos veciños e do comercio local da zona.
A obra intervirá nun ámbito de 3.189 metros cadrados e ten un prazo de execución de 12
meses. O orzamento dos traballos é de 975.000 euros e o Concello ten solicitados fondos
Next Generation para os sufragar. O proxecto foi redactado polo estudo de arquitectura
coruñés NAOS e o seu obxectivo é a peonalización das rúas mencionadas e a mellora das
condicións urbanas do espazo público, así como rexenerar o tecido urbano, con zonas de
lecer, paseo e descanso. Búscase tamén o benestar e a potenciación do comercio local
desta zona e a mellora da mobilidade peonil a través da xeración dun espazo seguro para a
cidadanía.
Esta semana Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestrutura e
Mobilidade, e Diana Cabanas, concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, ademais do
equipo técnico e os directores de obra, reuníronse coa asociación de veciños e
representantes de veciños e comerciantes de ambas rúas para avanzarlles o inicio dos
traballos e as súas características.
Unha rúa para veciños e comerciantes
Estes traballos converterán unha rúa corredor sen elementos de interese ou de referencia
nunha rúa-praza para o gozo dos veciños e veciñas do barrio. Un dos elementos máis
destacados da transformación desta zona será a integración da cor nos firmes da rúa. As
diferentes superficies e cores integraranse para formar un espazo novo e dinámico. O
aumento da natureza na contorna darase a través do aumento significativo da vexetación e
zonas verdes en todo o barrio, dispostas como pequenas illas de diversos tipos de árbores
e flores de diversas cores.
Nos puntos de intersección entre as rúas estableceranse dous fitos formados a través de
elementos verticais que servirán como puntos de encontro e contarán cunha base de carga
de dispositivos e conexión a Internet, que recibirá o nome de Árbore Tecnolóxica. Por outra
banda, os trazados do pavimento da intervención estenderanse por toda a superficie de
maneira orgánica, de xeito que xerará unha ampliación das zonas peonís onde se
establecerán zonas de descanso e espazos con xogos infantís. Para estes últimos, hai
previstos xogos como o xadrez ou a mariola.
O firme será de formigón continuo, salvo nas zonas infantís que será de caucho. Os
colectores do lixo serán soterrados e executaranse neste proxecto dous pasos de peóns
elevados en Fernández Latorre e na avenida de Oza. Os traballos suporán a instalación de
20 bancos con xardineira, 33 bancos singulares deseñados para o proxecto, 20 bancos de
forma cúbica, 5 mesas de xadrez, 16 bancos de madeira, 16 exemplares da árbore Prunus
amanogawa e arbustos de 6 especies diferentes.
O plan de obra trasladado aos veciños e veciñas indica que o proxecto se executará por
fases, sendo a primeira a que afecta ao subsolo a través da renovación completa da rede
de saneamento. A continuación, renovarase o firme e instalarase o novo material e
mobiliario urbano, ademais das árbores e a vexetación. As obras comezarán no cruzamento
da rúa con Ramón y Cajal e irán ascendendo cara a praza de Catro Camiños e a rúa
Primavera.
A futura Rolda Peonil
O proxecto de peonalización de Alcalde Marchesi e Primavera forma parte da Rolda Peonil
coa que o Goberno de Inés Rey pretende continuar avanzando na súa política de gañar
espazo na rúa para a cidadanía e humanizar a contorna dos diferentes barrios. No último
ano avanzouse neste proxecto gañando máis de 7.500 metros cadrados de espazos peonís
cun investimento de case 1 millón de euros.
Tratouse da peonalización de Puga y Parga (73.689 euros), a peonalización de Mariscal
Pardo de Cela (141.664,53 euros), a reurbanización de Oidor Gregorio Tovar (567.662,32
euros) e a peonalización de Ramón Cabanillas (132.430 euros). Os seguintes pasos,
ademais desta primeira fase de Alcalde Marchesi, será a continuación desta rúa cara
Ramón y Cajal e A Gaiteira e a segunda fase de Ramón Cabanillas. O Concello ten
solicitada a inclusión destes proxectos nos fondos Next Generation.