martes, 22 de febrero de 2022

‘Dhogs’, de Andrés Goteira, abrirá a programación da III Semana do Cinema Galego


 

A película máis galardoada da historia dos Premios Mestre Mateo proxectarase o 8 de marzo no Teatro Colón co gallo da inauguración da nova edición da mostra, que se pechará coa exhibición do filme de animación ‘A galiña turuleca’

As longametraxes de ficción ‘Cuñados’, ‘Jacinto’, ‘Malencolía’ e ‘Tres’, e os documentais ‘A poeta analfabeta’, ‘A virxe roxa’, ‘O gran camiño’ e ‘Welcome to ma Maison’ conforman a programación da gran cita non competitiva do cine do país

22 de febreiro de 2022 - A película máis premiada da historia dos Mestre Mateo, ‘Dhogs’, será o filme inaugural da III Semana do Cinema Galego. A gran cita non competitiva da tempada cinematográfica abrirá a súa programación o vindeiro 8 de marzo coa mítica ópera prima do lucense Andrés Goteira, unha produción que, con 13 galardóns, se coroou no 2018 como a película que maior número de estatuas recibiu ao longo das 19 edicións dos premios do audiovisual do país. Entre elas, mellor longametraxe, guión, dirección de fotografia ou os catro premios de interpretación.

O propio Andrés Goteira, acompañado por membros do equipo como Antonio Durán Morris e María Costas, ademais dos produtores de Gaitafilmes Suso López e Laura Doval, será o responsable de presentar a súa longametraxe, que deste xeito volve á gran pantalla precisamente nunha das cidades nas que se rodou: A Coruña.

A participación dos equipos artísticos ou técnicos nas presentacións das películas será unha das características máis destacadas da III Semana do Cinema Galego, cita impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) coa intención de poñer en valor o talento do país. Ao longo de seis xornadas, entre o 8 e o 13 de marzo, unha coidada programación de dez filmes dará boa conta, na pantalla do Teatro Colón, da calidade das creacións que contan con produción asinada en Galicia. Concretamente, exhibiranse as oito mellores longametraxes e documentais do último ano, que se corresponden cos oito traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022, ademais doutras dúas recoñecidas producións galegas tanto na súa inauguración -como é o caso de ‘Dhogs’- coma súa na clausura. Neste caso, a SCG 2022 proxectará un filme dirixido ao público familiar, como é ’A galiña turuleca’, gañadora do Premio Goya 2021 á mellor película de animación.

Así, as películas de ficción ‘Cuñados’, ‘Jacinto’, ‘Malencolía’ e ‘Tres’, que optan -entre outras candidaturas- ao galardón de Mellor Longametraxe na viséxima edición dos Premios Mestre Mateo, poderanse ver na pantalla do Colón. O mesmo sucederá con ‘A poeta analfabeta’, ‘A virxe roxa’, ‘O gran camiño’ e ‘Welcome to ma Maison’, os catro documentais máis valorados polas académicas e académicos na rolda previa de votacións. Todas elas formarán parte da programación dunha mostra que, nesta terceira edición, se quere consolidar como a gran celebración non competitiva da tempada cinematográfica.


Proxeccións

En cada xornada da Semana do Cinema Galego, agás nos días de inauguración e clausura, exhibiranse dous traballos (un documental e unha longametraxe). Deste xeito, entre o mércores 9 e o sábado 12 en horario de tarde, o público terá a ocasión de gozar no Colón, cada xornada, de ata dúas sesións diferentes de cinema galego. A entrada das proxeccións será gratuíta, previa retirada do convite, a través do despacho electrónico de billetes do Teatro Colón. Toda a información sobre horarios de exhibición ou ficha técnica e artística das películas poderase consultar na páxina www.semanadocinemagalego.gal.


III SEMANA DO CINEMA GALEGO

A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país. Durante seis días, o audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do noso cinema nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo. Coa ollada posta en citas como Málaga, Cannes ou Venecia, a intención da Academia é impulsar un punto de encontro para público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais. Unha ocasión carismática, seductora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que quere ser unha das grandes citas da tempada.