A nova edición da cita exhibirá as producións galegas máis recoñecidas dos
últimos meses da man das e dos profesionais do noso cinema e inclúe dúas
sesións especiais de inauguración e clausura
A Academia Galega do Audiovisual quere consolidar a iniciativa, de carácter non
competitivo, como “o grande evento cinematográfico de referencia en Galicia”
15 de febreiro de 2022 - A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do
Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país. Durante seis días, a cidade situarase
no epicentro da actividade cinematográfica do territorio. O audiovisual galego exhibirá as
súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do noso
cinema, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis
próximo.
A tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez, acompañada polo
deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e polo edil de Relacións Institucionais e
Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, presentou esta terceira edición, na
que a alfombra vermella locerá no Teatro Colón dar a benvida a unha coidada programación
conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano. Concretamente,
proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a
Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os
propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés.
Con esta terceira edición, a AGA quere consolidar a Semana do Cinema Galego como a
gran celebración non competitiva da tempada do cinema do país. Coa ollada posta en
citas como Málaga, Cannes ou Venecia, a intención da Academia é impulsar un punto de
encontro para público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios
principais. Unha ocasión carismática, seductora e máxica, con todo o glamour do mellor
cinema, que quere ser “unha das grandes citas da tempada”, sinalou Carmen Méndez.
Ademais, a directiva da Academia, quen presentou a nova imaxe e o vídeo promocionalda iniciativa, avanzou que a actividade desta III Semana do Cinema Galego incorpora, alén
dos filmes finalistas dos Mestre Mateo, dúas películas especiais que se proxectarán tanto na
inauguración coma na clausura da mostra.