jueves, 17 de febrero de 2022

A Coruña recupera o espírito do Entroido cunha ambiciosa programación que incorpora actuacións musicais como a de Varry Brava


 

Puedes ver el programa en PDF haciendo click aquí.


A alcaldesa Inés Rey anunciou os distintos actos durante a inauguración da exposición polos 40 anos dos Maracos

A Coruña, 17 de febreiro de 2022.- A Coruña volverá gozar este 2022 do seu tradicional Entroido, que engadirá nesta edición diferentes citas musicais encabezadas pola banda Varry Brava. Así o anunciou a alcaldesa Inés Rey durante a inauguración da exposición conmemorativa dos 40 anos da Asociación Lúdico-Cultural Os Maracos. Este ano o lema das festas será ‘Volve o Antroido máis auténtico’, empregando a palabra utilizada na cidade para dicir Entroido, en referencia ao regreso das actividades tradicionais destas celebracións.

A programación estenderase desde este 17 de febreiro coa mostra dos Maracos ata o próximo mércores 2 de marzo co enterro da sardiña en Santo Amaro. “Afondando na aposta deste Goberno municipal pola Coruña como potencia cultural de primeiro orde, poñemos en marcha unha das programacións de Entroido máis ambiciosas en anos”, sinalou Inés Rey.

Este domingo 20 celebrarase o primeiro dos concursos do Entroido. Será o de comparsas, na modalidade de música e letra, no Palacio da Ópera. Haberá tamén concurso de carrozas e comparsas na modalidade de vestiario e coreografía o sábado 26. Será durante o desfile de Entroido, que pasará por San Andrés, o Cantón pequeno e a Mariña, antes de chegar á praza de María Pita. Por último, tamén haberá concurso infantil de disfraces, o martes 1 de marzo no Campo da Leña. Contarase coa actuación dos Mecánicos. Non faltarán tampouco tradicións como o Momo e homenaxes a persoas moi vencelladas a esta festividade como Nito, César San José, Palau ou Canzobre

Por outra banda, este Entroido tamén servirá para continuar a render homenaxe á figura de María Casares no seu Ano Internacional organizado polo Concello. O xoves de comadres, 24 de febreiro, farase un percorrido entre a praza das Cigarreiras e o Teatro Colón, onde Olga Patiño lerá un poema en homenaxe á actriz e procederase á lectura dun manifesto. A continuación, os e as presentes camiñarán ata a praza de María Pita e a Casa Museo Casares Quiroga, lugares onde se cantarán cancións a María Casares. “Haberá música e poesía, e así A Coruña demostrará unha vez máis que sabe divertise e á vez coidar dos seus referentes”, apuntou Inés Rey.

Este Entroido haberá diferentes actuacións musicais na cidade. Estarán encabezadas pola banda Varry Brava, que actuará o luns 28 de febreiro ás 21.00 horas na praza de María Pita. A entrada será gratuíta ata completar capacidade. A formación está moi de actualidade pola súa participación no Benidorm Fest. Ademais, tamén actuarán en María Pita a banda Broken Peach (sábado 26) e Virtual Project (martes 1).

Inés Rey pediu durante a presentación da programación “sentidiño” á cidadanía durante estas celebracións tan populares. “Esta cidade xa demostrou na Cabalgata de Reis que sabe saír á rúa, sabe comportarse e, sobre todo, sabe divertirse. Así é a identidade coruñesa, da que o entroido é un dos seus maiores símbolos”, sinalou a alcaldesa.

Exposición dos Maracos

A sala de exposicións de María Pita acolle desde este xoves a mostra ’40 anos cos Maracos’, na que se rende homenaxe a unha das comparsas máis emblemáticas e queridas da cidade. “Os Maracos fan da irreverencia e a creatividade o motor do seu Entroido, converténdose, xunto a tantos outros, nun sinal de identidade coruñesa”, sinalou a alcaldesa Inés Rey. O acto contou coa presenza de distintos membros da xunta directiva dos Maracos.

“Falar dos Maracos é falar dun dos sectores máis comprometidos e festivos da Coruña, que alá polos anos oitenta devolveron o carnaval ás nosas rúas. Polo tanto, falar deles é facelo de liberdade”, apuntou a alcaldesa. A mostra é de acceso público para toda a cidadanía e conta con pezas orixinais utilizadas pola comparsa e documentos históricos destes últimos 40 anos. A exposición estará aberta ata o 6 de marzo.