martes, 4 de enero de 2022

Tanxugueiras regresa o 26 de marzo aos escenarios coa presentación da Xira Midas, que incorpora temas como Terra ou Figa


O concerto terá lugar o sábado 26 de marzo, a partir das 21.00 horas, na Coruña, na Sala Pelícano, e as entradas sairán á venda este mércores 5 de xaneiro no sitio web oficial do grupo, www.tanxugueiras.gal, e na plataforma Enterticket

4 de xaneiro de 2022.- Arranca a Xira Midas. O vindeiro 26 de marzo, Tanxugueiras presentará na Coruña o seu novo directo, unha proposta vibrante na que o trío de pandeireteiras presenta a nova sonoridade do grupo e que incorpora a interpretación, ao vivo, dos novos sinxelos do grupo, como Terra, Figa, Telo ou Midas.

A presentación da Xira Midas terá lugar o sábado 26 de marzo na Sala Pelícano da Coruña. A cita comezará ás 22.00 horas, mais a apertura de portas será unha hora antes. As entradas para o concerto de presentación sairán á venda este mércores 5 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, na plataforma Enterticket, á que se poderá acceder desde o sitio web oficial do grupo, www.tanxugueiras.gal. Os billetes estarán á disposición do público desde 15 euros (máis gastos de xestión) e as persoas menores de 16 anos que desexen acudir ao concerto deberán facelo acompañadas da nai, pai ou titora legal.

O concerto da Coruña supón a presentación ao vivo da Xira Midas e, polo tanto, do vindeiro traballo de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, un álbum que se publicará este 2022 e no que o grupo segue a reformular a música tradicional desde unha óptica contemporánea, que está a sorprender en todo o territorio estatal grazas ao seu último tema, Terra, co cal as cantareiras participarán no Benidorm Fest neste mes de xaneiro. A iniciativa gañadora deste certame, promovido por RTVE, participará en Eurovisión o próximo mes de maio.

Cifras históricas para a música en galego

No seu primeiro día de publicación, o 21 de decembro, Terra superou as 500.000 reproducións no conxunto de plataformas. Á semana, o tema sumaba máis dun millón de visualizacións en Youtube -ocupando os sete días os primeiros postos na lista de tendencias musicais- e máis de 500.000 en Spotify. O mesmo día, o 28 de decembro, outro dos últimos sinxelos das cantareiras, Figa, tamén acadaba o millón de visualizacións en Youtube.