lunes, 3 de enero de 2022

A Cabalgata de Reis 2022 sairá do barrio dos Mallos rumbo a María Pita, cun percorrido dinámico de dúas horas e media de duración


 

A comitiva partirá desde o aparcadoiro da Sardiñeira este mércores, 5 de xaneiro, ás 18.00 horas, e pasará por Catro Camiños, Os Cantóns e a Mariña

Un total de 15 carrozas, 4 trens e 14 compañías artísticas animarán a pé de rúa, con 180 figurantes. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento e recordarase periodicamente por megafonía

A Coruña, 3 de xaneiro de 2022.- A Cabalgata de Reis deste ano, cun percorrido único de tres quilómetros e dúas horas e media de duración, sairá este mércores 5 de xaneiro (18.00 horas) desde o aparcadoiro da Sardiñeira, no barrio dos Mallos, para rematar na praza de María Pita ás 20.30 horas.

O trazado previsto polo Concello da Coruña contempla que a cabalgata, dinámica, pase pola avenida da Sardiñeira, a rolda de Outeiro, avenida Alcalde Pérez Ardá, rúa Ramón y Cajal, avenida do Exército, avenida de Primo de Rivera, avenida de Linares Rivas, praza de Ourense, Os Cantóns, avenida da Mariña e, finalmente, chegue a Porta Real como paso previo ao punto e final en María Pita, onde haberá control de capacidade nos accesos.

A cabalgata, composta con 15 carrozas, 4 trens e 14 compañías artísticas, estará integrada tamén por 180 figurantes, que suporán o 40% da capacidade total de carrozas e trens. Debido á situación sanitaria provocada pola Covid-19, tanto artistas como figurantes estarán organizados en grupos burbulla. Ademais, todos os participantes deberán contar co certificado Covid-19 correspondente ou pasar, previamente, un test de antíxenos que resulte negativo, para reforzar a prevención fronte aos contaxios.

A alcaldesa, Inés Rey, remarcou o compromiso do Goberno municipal para que as coruñesas e coruñeses poidan gozar da Cabalgata de Reis con normalidade, atendendo sempre ás pautas sanitarias e recomendacións de hixiene marcadas polas autoridades e apelou ao sentido común e responsabilidade dos cidadáns para seguir todas as normas establecidas.

Neste sentido será obrigatorio o mantemento de distancias de seguridade e o uso de máscara en todo momento. As instrucións sanitarias comunicaranse, periodicamente, por megafonía.

O circuíto, con catro espazos accesibles e de atención sanitaria 

Ao longo do percorrido, o Concello da Coruña porá á disposición da cidadanía catro espazos de accesibilidade, repartidos entre a praza de María Pita, ao lado da Autoridade Portuaria (rúa Ambrosio Feijóo), a praza de Ourense e na avenida Alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses. En todos eles ubicaranse tamén espazos de atención sanitaria ante posibles incidencias.

O Pazo Municipal de María Pita acolle a recepción aos Reis Magos 

As pequenas e pequenos coruñeses xa gozaron, desde este luns pola mañá (de 11.00 a 14.00 horas), da presenza dos Reis Magos no Pazo Municipal de María Pita. A recepción das súas Maxestades continuará esta tarde, de 17.00 a 21.00 horas, para o desfrute das rapazas e rapaces, e prolongarase ata este martes, tamén en horario de 11.00 a 14.00, e de 17.00 a 21.00 horas, no Pazo Municipal.