lunes, 13 de diciembre de 2021

Volve Lúas de Outono, a homenaxe a Manuel María que este ano recrea a súa obra a través da maxia


 O espectáculo, titulado ‘Un trebón de maxia’, terá lugar este mércores 15 de decembo ás 20:30h no Teatro Rosalía e terá entrada libre ata completar aforo

Esta actividade está organizada pola Casa-Museo Manuel María e conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación e do Concello da Coruña

A Coruña, 13 de decembro de 2021. Tras ter que ser suspendida o pasado ano por mor da pandemia, neste 2021 volve ‘Lúas de outono’, o espectáculo que homenaxea a figura e a obra de Manuel María a través de diversas manifestacións artísticas. Nesta XII edición, a disciplina escollida para recrear a obra do autor será a maxia e o espectáculo, titulado ‘Un trebón de maxia’, terá lugar este mércores 15 de decembro ás 20:30h no Teatro Rosalía. Anunciarono esta mañá, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a presidenta e o secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Saleta Goy e Alberte Ansede.

 

“Nesta edición de Lúas de Outono, ao igual que nas anteriores, o que se pretende é poñer en valor a figura polifacética de Manuel María” asegurou Xurxo Couto durante a súa intervención. O deputado de Cultura tamén aproveitou para salientar o traballo que se está a realizar desde a Casa-Museo Manuel María para manter vivo tanto o legado como a memoria do autor. A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goy, puxo o acento na identidade e no compromiso do propio Manuel María, explicando que  “cada país ten unhas peculiaridades especiais” e que “a obra de Manuel María non podería existir se non existise Galiza”. Convén lembrar que a entrada será libre ata completar o aforo e que as portas do Teatro Rosalía se abrirán media hora antes do comezo do espectáculo.

 

Pola súa banda, Alberte Ansede asegurou que “precisamente a maxia é unha das manifestacións artísticas das que aínda non se botara man en edicións pasadas” e, neste sentido, indicou que “comparte coa literatura unha gran capacidade de imaxinación, de xeración de expectativa, de sorpresa e de intriga final”. Tamén explicou que os dous magos que se encargan do espectáculo do mércores, o Mago Antón e David Méndez, compartiron en vida amizade e proxectos co propio Manuel María, polo que ademais de recrear a súa obra tamén sumarán vivencias e lembranzas persoais. “Prometen facer todo o posible para que por arte de maxia, Manuel María apareza ante o público do Teatro Rosalía durante o espectáculo” asegurou Alberte Ansede.

 

Alberte Ansede lembrou que Manuel María escolleu a cidade da Coruña para vivir unha vez chegado á idade de xubilación, e que foi nesta cidade onde faleceu, o 8 de setembro. Arredor desta data, a Fundación Manuel María desenvolve todos os anos un espectáculo diferente, Lúas de Outono, se ben nesta edición por cuestións de reformulacion do calendario do Teatro Rosalía, o espectáculo se retrasou ata o mes de decembro.