viernes, 3 de diciembre de 2021

Voadora chega co seu ‘Othello’ ao Teatro Rosalía o vindeiro venres 10 de decembro


 

A compañía de teatro de vangarda dirixida por Marta Pazos presenta o seu terceiro e celebrado Shakespeare, que conta coa actriz María Vázquez no papel de Desdémona

Estreada en maio no Teatro de La Abadía, é unha adaptación transgresora da traxedia, atravesada pola posverdade e as violencias machistas, na que as personaxes femininas son protagonistas

A Coruña, 3 de decembro de 2021.- A compañía de teatro de vangarda Voadora regresa á cidade herculina co seu celebrado Othello. A peza, dirixida por Marta Pazos, poderá verse no Teatro Rosalía Castro o vindeiro venres 10 a partir das 20.30 horas. Othello é a terceira montaxe de Shakespeare que aborda Voadora, nunha visión transgresora, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena.

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas da traxedia. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, protagonista absoluta da peza, e estará acompañada sobre as táboas polos intérpretes Ángel Burgos, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Pablo Chaves.

Tal e como indica Marta Pazos, “desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando pé a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”. A partir do texto de Epelde, a compañía propón un debate arredor de cuestións como a construción do xénero e da identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, Pazos despoxa as personaxes da súa pel e do seu xénero, coa intención de conectar “coa súa esencia e o seu máis profundo conflicto”.

POSVERDADE. Na súa adaptación do clásico, Marta Pazos propón atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. Para isto, a directora emprega a comedia como xerador de discurso. “A comedia é implacable. É o espazo para dicir a verdade máis rotunda”, asevera. Con ela, Pazos “ataca con crudeza” a “dor” que lle produce a historia de violencia machista do Othello. Neste sentido, a directora lembra que, na peza, unha muller (Desdémona) morre asasinada nunha acotación. “Queremos deter o tempo xusto en ‘Non hai tempo, é tarde (estrangúlaa)’ e volver sobre os pasos da historia para entender como chegou ata ese punto”.

A montaxe de Voadora nace dende un lugar periférico, “desde o que investigamos os patróns de conduta machista do texto orixinal”, sinala a directora artística. Durante o confinamento de 2020, a compañía realizou unha fonda investigación sobre as violencias machistas, as relacións de poder e a presenza de novas falsas (fake news) na vida cotiá. Ao longo de distintas sesións, Voadora compartiu experiencias con axentes profesionais da comunicación e do ámbito das cuestións de xénero (educadoras sociais, traballadoras da liña telefónica 016 ou terapeutas, entre outras).

EQUIPO ARTÍSTICO. Baixo a dirección de Marta Pazos, que tamén é a responsable do espazo escénico, Voadora propón un Othello no que o xénero flúe. O elenco, conformado por Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, María Vázquez, Hugo Torres e Pablo Chaves, recrea unha peza na que Iago, o alférez de Othello, move baixo a razón dos seus caprichos as inseguridades do seu superior, para tecer con fíos raciais e de xénero unha arañeira que atrapará as demais personaxes. O espectáculo, con música orixinal de Hugo Torres, conta con Silvia Delagnau como responsable de vestiario e con María Cabeza de Vaca á fronte da coreografía.