O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco
Conde, participou hoxe na entrega dos premios do concurso de ideas para o novo edificio
do Citic na Cidade das TIC
— Lembra que o Citic é o maior centro de intelixencia artificial de Galicia
— Destaca que o proxecto gañador é unha proposta que conxuga á perfección funcionalidade e sustentabilidade
— Este proxecto súmase a outras iniciativas promovidas pola Xunta para a Cidade das TIC, como o Centro de Fabricación Avanzada ou o convenio co ITG para un centro de experimentación con drons en contornas urbanas
A Coruña, 15 de decembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de
Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Cidade das TIC,
que vai albergar o novo edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información
e as Comunicacións (Citic), exemplifica a posta de Galicia pola transferencia de
coñecemento á industria e ás pemes.
Así o manifestou hoxe, na entrega de premios do concurso de ideas que convocou a
Universidade da Coruña para elixir o deseño arquitectónico que terá o novo edificio do
Citic. Segundo Conde, o proxecto gañador é unha proposta que conxuga á perfección
funcionalidade e sustentabilidade.
O vicepresidente económico subliñou que a Cidade das TIC vai ser un polo tecnolóxico e
de innovación de referencia a nivel nacional e internacional grazas á colaboración público-
privada. Un proxecto que tamén se postula como sede dun dos nós da Estratexia Nacional
de Intelixencia Artificial. E se está en condicións de facelo, dixo, é porque vai albergar este
novo edificio do Citic que, neste momento, é o maior centro de intelixencia artificial de
Galicia.
Xunto con isto, este proxecto vai dar cabida, ademais, a un Centro de Servizos Avanzados
para pemes que a Xunta apoia con 4,8M€ dentro do programa de Centros de Fabricación Avanzada. E tamén un centro de experimentación con vehículos aéreos non tripulados en
contornas urbanas que vai ser posible garzas ao convenio que a Administración galega
asinou co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Para concluír, o vicepresidente apuntou que a Cidade das TIC, xunto ao Polo de
Tecnoloxías Cuánticas, forman parte da candidatura galega aos fondos europeos de
recuperación Next Generation. Son dous proxectos decisivos para que Galicia poida
encarar a transición dixital e facer deste contexto unha oportunidade para impulsar a
competitividade da empresas, xerar pegada industrial, reter e captar talento, e para que a
cidade da Coruña se converta no centro neurálxico do sector TIC en Galicia.