Oito emisoras da Coruña volven unir as súas voces no programa solidario 'A Radio Conta'. Esta iniciativa chega á súa novena edición o domingo, 26 de decembro de 2021 de 17h a 20h. Desta volta, dedicada a APEM, a Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña.
Regresa un ano máis un programa coral que ten dous obxectivos: “a solidariedade e a homenaxe á radio más próxima”, tal e como manifestou na rolda de prensa de presentación o xornalista Moncho Viña. Será o encargado de conducir unha redacción única que conforman profesionais de Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, RadioVoz, Radio Marca, COPE, Intercoruña e Radio Galega, que achega a cobertura técnica.
De novo, están convidadas unha chea de persoas de todo tipo de eidos da sociedade galega. Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo serán uns máis do equipo da Radio Conta. A novena edición contará coa música en directo do Coro Xove da Orquesta Sinfónica de Galicia, Radio Océano, Lucía Pérez e Vizcaíno e unha competición de Cantares de Bar entre a Coruña e A Veiga-Vegadeo.
Contaremos con Paco Lodeiro, Suso Martínez e Diana Sieira, e cun medallista olímpico: o boxeador Enmanuel Reyes. Tamén pasarán polo escenario dous supercampións octoxenarios: un do atletismo, Pepín Rioseco, e outro da moda, Andrés García-Carro.
Alén diso, volve unha sección xa clásica nestas últimas edicións: o radioteatro, con tres pezas escritas especialmente para o programa polo guionista Óscar Cruz. A Radio Conta tamén renderá homenaxe á actriz María Casares e ao cineasta José Sellier, a piques de cumprirse os centenarios do seu nacemento e a súa morte, respectivamente.
Esta novena edición dará visibilidade tanto á directiva como a persoas usuarias de APEM. A entidade ofrece rehabilitación psicosocial e laboral a persoas con enfermidades mentais, uns apoios cos que poden levar unha vida independente, normalizada e integrada na sociedade.
O programa A Radio Conta realizarase no teatro Rosalía Castro da Coruña e poderase escoitar nas ondas das radios participantes. Amais, retransmitirase por streaming, grazas á colaboración do Concello da Coruña. A emisión comezará o domingo 26 ás 17h, o que permitirá achegar esta novena edición ao público malia as limitacións ás que obriga a pandemia da covid-19