domingo, 21 de noviembre de 2021

Porto Maresía achega esta semana a Vigo e A Coruña as voces de Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego


 

O ciclo de concertos con sabor a sal Porto Maresía é unha nova iniciativa que, do 25 ao 28 de novembro, ofrecerá catro noites de directos a ritmo de pop, rock e canción de autor da mano de Art Music, co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22

Este xoves 25, ás 21.00h, o auditorio do Palexco coruñés será testigo do rock irreverente de Heredeiros da Crus, que fará un repaso en acústico do seu repertorio, no marco da Xira Angústica; mentres que Ortiga presentará no mesmo escenario, o venres 26, ás 21.00h, o seu segundo traballo, Sabes el camino que elegí, con sabor a música urbana, pop tropical e autotune

O Teatro Afundación de Vigo acollerá dúas actuacións de grandes solistas: Andrés Suárez regresará á cidade portuaria o sábado 27, ás 21.00h, co seu imponente directo; e, o domingo 28, ás 19.30h, Guadi Galego presentará o seu último disco, Costuras, unha xoia de letras maduras e atrevidas melodías coas que xera texturas únicas dentro do pop

As entradas de Porto Maresía están a disposición do público a través de Ataquilla.com

A Coruña, 21 de novembro de 2021.- Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman o cartel de excepción do novo ciclo musical Porto Maresía: concertos con sabor a sal, que chega esta semana a Vigo e A Coruña. A iniciativa, impulsada por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, celebrarase do xoves 25 ao domingo 28 de novembro coa vocación de achegar ao público o son de grandes figuras da escena galega, con seguidores entre diversas xeracións, nunha serie de directos vibrantes e auténticos que se poderán gozar en dous escenarios de referencia: o Auditorio Palexco, situado nos peiraos coruñeses, e o Teatro Afundación de Vigo, un imponente espazo neobarroco próximo ao porto pesqueiro máis importante de Europa. As entradas do ciclo Porto Maresía están a disposición do público a través da plataforma online Ataquilla.com.

SOBRE O CICLO. O sentimento especial que experimentamos ao intuír o recendo do salitre logo de pasar tempo lonxe do mar. O sabor a mar que nos fai sentir como na casa. Iso é Porto Maresía: a música que nos traslada ata o lugar que é o noso fogar. A música, como o mar, arrólanos, sacódenos, refréscanos, mergúllanos. Apodérase de nós e sempre volvemos a ela. E, aínda que estiveramos un tempo lonxe das cancións en directo, era tempo de regresar. Benvidos a Porto Maresía: concertos con sabor a sal. Un ciclo auténtico cunha selección de artistas galegos que aúnan, baixo a súa figura, a tradición e os estilos máis actuais e variados da nosa escena, a ritmo de pop, rock ou canción de autor.

Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman a grella de excepción desta primeira edición de Porto Maresía, que atracará en Vigo e A Coruña esta última fin de semana do mes de novembro. Todos eles representan -cada cal á súa maneira- o poder do autóctono, das nosas orixes, dunha identidade única e singular. Os sons ao vivo destes catro artistas danlle forma e sentido a un ciclo que, organizado por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, a través da liña de axudas a concertos para contribuir á recuperación da actividad empresarial e artística galega aprobada en setembro, reivindica o poder da cultura galega, para difundir a nosa riqueza lingüística e musical nun evento festivo, atractivo e de calidade, que pon en valor o noso legado inmaterial.

ARTISTAS

Heredeiros da Crus
Xoves 25 de novembro, 21.00 horas
Auditorio Palexco (A Coruña)

Nados no 1992 en Ribeira (A Coruña), Heredeiros da Crus marcou un antes e un despois na historia do rock galego. As súas influencias beben de bandas como Siniestro Total, The Stooges ou Kiss, pero eles dotan ás súas composicións dun alto nivel de costumismo e realidade social made in Galicia. Con Heredeiros en escena, todo é posible: improvisacións, colaboracións co público, stripteases... Agora, a banda regresa á Coruña coa súa Xira Angústica, unha proposta fóra dos seus estándares habituais, que lles sitúa nun marco acústico para realizar unha fonda revisión do seu celebrado repertorio: melodías sen fogos artificiais para reescribir a historia da música en Galicia.


Ortiga
Venres 26 de novembro, 21.00h
Auditorio Palexco (A Coruña)

“Chicho é un millennial do seu tempo e da súa terra, coa súa honestidade e os seus pés no chan. O seu proxecto musical non é fácil de explicar se non viviches as verbenas galegas. Ortiga soa ao Caribe que trouxeron os nosos migrantes, pero tamén a isto que agora chamamos música urbana. O seu primeiro disco foi Chicho y sus chichas (Ernie Records, 2019) e puxo a este artista no circuíto de festivais, cos seus secuenciadores, os seus pedais, a súa guitarra heavy e o seu bolso de cintura. Este segundo cancioneiro, Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021), co que se subirá ao escenario do ciclo Porto Maresía, presenta algúns cambios formais con respecto ao anterior: hai menos autotune e unha paleta musical máis ampla. No cóctel apréciase un novo refluxo de tropicalismo brasileiro”.

Extracto do texto de presentación do artista asinado por Tito Lesende


Andrés Suárez
Sábado 27 de novembro, 21.00h
Teatro Afundación (Vigo)

A historia de Andrés Suárez é o máximo exemplo de ata onde pode levar a combinación de constancia e talento. A súa discografía é un compendio da súa evolución persoal: De ida (2002), Maneras de romper una ola (2008), Piedras y charcos (EP, 2010), Cuando vuelva la marea (2012), Moraima (2013), Mi pequeña historia (2015) e Desde una ventana (2017), que entrou directo ao como no1 de vendas na súa primeira semana de lanzamento. En xuño de 2020 estreou o seu octavo disco, titulado Andrés Suárez, que acadou o no1 na lista de vendas físicas. Un traballo de dez cancións, ateigado de luz, no que o artista se mostra como non fixera ata o de agora. Desde entón, percorre a xeografía española co seu imponente directo, esgotando as entradas de todas as datas que anuncia.


Guadi Galego
Domingo 28 de novembro, 19.30h
Teatro Afundación (Vigo)

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. No 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira; e no 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón, álbum aclamado pola crítica galega e española, sen deixar de participar noutros proxectos. Co seu último traballo, Costuras (2020), demostra, unha vez máis, que é unha artista que non deixa de experimentar, manténdose sempre fiel a súa esencia. A madurez das súas letras e o atrevemento das súas melodías e propostas converten a Guadi Galego nunha xoia da nosa música, sen a cal non se entende a nosa actualidade artística. Con dez temas que falan desde a súa infancia até o presente máis duro e esperanzador, Costuras dá boa conta dos acenos de identidade da artista: capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar.