viernes, 12 de noviembre de 2021

Londres, París, Valencia, Málaga e Gran Canaria son os destinos ofertados polas compañías aéreas no concurso de promoción turística



Inés Rey destaca o interese das aeroliñas e a importancia de que A Coruña volva contar con conexións internacionais

A Coruña, 12 de novembro de 2021.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey confirmou o interese das compañías aéreas por participar no concurso aberto polo Concello para a promoción do tráfico de pasaxeiros turístico e de negocios na cidade, adiantando a presentación de propostas para operar Londres, París, Valencia, Málaga e Gran Canaria.

A alcaldesa lembrou a necesidade de esperar ao desenvolvemento de todo o trámite administrativo para poder confirmar oficialmente a posta en marcha dos novos destinos mais destacou a importancia de “ter conseguido que A Coruña esperte de novo o interese das compañías aéreas e que se volvan a conseguir conexións internacionais directas”. De confirmarse estas propostas, A Coruña tería tres novas conexións nacionais e tres internacionais que en palabras da alcaldesa “permitirán comezar a situar a cidade e o aeroporto de Alvedro no lugar que lles corresponde”.

O obxectivo do concurso de promoción turística posto en marcha polo Concello é aumentar as liñas e frecuencias coas que conta o aeroporto, atraer visitantes e dotalos de mellores conexións. O concurso público establece que as compañías deben ofertar como mínimo dúas frecuencias semanais con Alvedro.

“Un destino turístico de primeiro nivel como A Coruña ten a obriga de potenciar o seu papel no mapa turístico internacional e de potenciar tamén o seu aeroporto como elemento motor esencial para a nosa economía”, sinalou Inés Rey.

“Esta promoción servirá para que A Coruña teña visibilidade en mercados cun gran número de visitantes potenciais que buscan destinos turísticos como o noso, mais servirá tamén para potenciar a economía local e promover a actividade empresarial facilitando os traslados e os desprazamentos tanto ao resto de España como aos destinos internacionais”, apuntou Inés Rey.