Tamar Novas, María Vázquez, Victoria Guerra e Federico Pérez forman parte
do elenco do filme, unha proposta de terror folk baseada nun relato
de Arraianos, de Méndez Ferrín
A película, coproducida pola catalá Fasten Films e a portuguesa Cinemate, conta co apoio de Agadic e ICAA, coa participación de RTVE e TVG, e chegará aos cinemas no outono de 2022 da man de Filmax
Ourense, 11 de novembro de 2021.- A produtora galega OlloVivo vén de iniciar esta
semana na localidade ourensá de Muiños a rodaxe da súa nova longametraxe de ficción: O
corpo aberto, unha película dirixida por Ángeles Huerta. A gravación estenderase ao longo
de seis semanas en distintos espazos do Parque Nacional do Xurés e conta cun amplo
elenco-galego portugués conformado por intérpretes como Tamar Novas, María Vázquez,
Victoria Guerra ou Federico Pérez, entre outros.
O corpo aberto é unha longametraxe de terror folk baseada en Lobosandaus, o primeiro dos
contos de Arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrín. Narra a historia dun mestre temporeiro
que, a principios do século XX, aterra nunha localidade da montaña da raia seca, na
fronteira entre Galicia e Portugal, para impartir aulas nunha escola unitaria. É o seu primeiro
destino. Desde a súa chegada, o mestre percibirá como o misterio e a morte conviven con
naturalidade na vida cotiá da poboación deste estrano e abrupto lugar. O profesor,
interpretado por Tamar Novas, enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, a unha
crenza acreditada pola veciñanza: o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer
entre eles ao habitar outros corpos.
Os límites, as “raias” que separan o mundo dos vivos e dos mortos, o xénero, a identidade,
ou poder evocador da tradición e do folclore serán algúns dos eixos que atravesen a
película, dirixida por Ángeles Huerta, na que será a súa primeira longametraxe de ficción. A
cineasta, autora do premiado documental Esquece Monelos, tamén asina o guión canda
Daniel Domínguez (Antes de perder); e a banda sonora será obra de Mercedes Peón.
O corpo aberto é a nova película de OlloVivo, a produtora galega impulsada por Gaspar
Broullón e os irmáns Pepe e Jorge Coira, responsable de títulos como Eroski Paraíso ou
Vivir 2 Veces. Nesta ocasión, OlloVivo reforza a súa aposta polo cinema galego de autor e
pola convicción de trasladar e converter unha fantasía ou relato local nunha historia
universal. Para iso, a compañía sumérxese nunha coprodución hispano-lusa con Fasten
Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a
través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Goberno de España a
través do Instituto da Cinematografía e Artes Visuais (ICAA). A película, participada por
Radiotelevisión Española e Televisión de Galicia, chegará aos cinemas no outono de
2022 da man da súa distribuidora, Filmax.
O equipo de O corpo aberto iniciou esta semana a rodaxe, que terá lugar integramente na
rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de
Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia
de Ourense. En total serán seis as semanas de gravación, nas que a produción
transformará o territorio na inqueda, abrupta e enigmática aldea de Lobosandaus.
Tamar Novas (El desorden que dejas) dará vida a Miguel, o mestre, nun reparto que conta
con figuras destacadas da escena e do audiovisual galego, como María Vázquez (Quien a
hierro mata), Federico Pérez (Cuñados), Elena Seijo (Elisa y Marcela) ou Miquel Ínsua (O
sabor das margaridas); e con intérpretes do país veciño como a actriz portuguesa Victoria
Guerra (Auga seca).
Pola súa banda, o equipo técnico de O corpo aberto está conformado por Gaspar Broullón
(Eroski Paraíso), Adrià Monés (Mediterráneo) e Ana Costa (Terra Nova) na produción
executiva; Tamara Soto (Mientras dure la guerra) na dirección de produción, Gina Ferrer
(L’homme au piano) na dirección de fotografía e Antonio Pereira (Fariña) na dirección de
arte. Completan o equipo, entre outros, Sandra Sánchez na montaxe, Jordi Rossinyol na
xefatura de son, Diego S. Staub na posprodución de son, Raquel Fidalgo na xefatura de
maquillaxe e Manuel González na asesoría lingüística dunha pelicula rodada, na súa
meirande parte, en galego e portugués.
Sinopse
1909. Miguel é un profesor novo que ten, como primeiro destino, unha pequena aldea de
montaña situada na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, un territorio inhóspito,
un lugar habitado por xente ruda e con tradicións tan remotas como a propia vila. Segundo
avanza o inverno, Miguel sente a escuridade penetrar en toda a súa contorna, á vez que
incrementa a súa fascinación unha veciña da vila: a enigmática Dorinda.