A cita terá lugar este xoves, 11 de novembro, ás 19:30h contará coa presenza do autor, Xosé A. Neira Cruz, do xornalista e escritor galardoado co Premio Nacional de Narrativa, Xesús Fraga, da representante da Editorial Galaxia, Eva López, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto
A Coruña, 9 de novembro de 2021. ‘O enigma de Santiago’, obra coa que Xosé A. Neira Cruz se fixo co Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña en 2020, continúa coa xeira de presentacións e o vindeiro xoves chega á cidade da Coruña. A obra, que vén de chegar ás librarías recentemente, será presentada na Biblioteca provincial ás 19:30h nun acto aberto ao público.
Acompañando a Xosé A. Neira Cruz estará o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a representante da Editorial Galaxia, Eva López, e o xornalista e escritor Xesús Fraga, último Premio Nacional de Narrativa. Como presentadora de excepción exercerá Rosalía de Castro, interpretada pola actriz Tero Rodríguez.
O escritor Xosé A. Neira Cruz erixiuse como gañador da XIV edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra "O enigma de Santiago", converténdose no primeiro escritor que gaña en dúas ocasións o certame convocado pola Deputación da Coruña.
O xurado estivera composto por Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero, e Tero Rodríguez ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. Do informe emitido na sesión do fallo, cabe salientar que se valorara moi positivamante o "dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela".
O xurado tamén destacara que a novela describe unha "trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil". Por último, resaltara que " o misterio da trama atrapa como unha promesa, procurando na experiencia lectora a sensación de estar ante un enigma que che gustaría que fose resolto e que atrapa como unha promesa", ao tempo que sinalaba "a presenza de relacións de poder nunha cidade que poden ser extrapolábeis á sociedade enteira, descubrindo os artificios de manexo do poder cun estilo narrativo moi acorde cos nosos tempos e coa lectura da actualidade".