lunes, 11 de octubre de 2021

Voadora chega co seu ‘Othello’ a Vigo, o FIOT de Carballo e A Coruña este outono


 

A compañía de teatro de vangarda dirixida por Marta Pazos presenta o seu terceiro e celebrado Shakespeare no Auditorio Mar de Vigo o venres 22 de outubro, ás 20.00h, e o sábado 23 no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, ás 20.30h; mentres que o 10 de decembro se poderá ver no Teatro Rosalía Castro da Coruña

A peza conta con María Vázquez no papel de Desdémona, acompañada en escena dos intérpretes Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, Hugo Torres e Joaquín Abella

Estreada o pasado maio no Teatro de La Abadía, trátase dunha adaptación transgresora da traxedia, asinada polo dramaturgo Fernando Epelde, atravesada pola posverdade e as violencias machistas, na que as personaxes femininas asumen o protagonismo

Tamén este outono Marta Pazos regresa ao Centro Dramático Nacional (CDN) para dirixir Comedia sin título, de Lorca, un drama social inconcluso abordado nun presente convulso, nunha aposta plástica e revolucionaria que se poderá ver desde o 12 de novembro

Galicia, 14 de outubro de 2021.- A compañía de teatro de vangarda Voadora regresa aos escenarios galegos por partida tripe este outono co seu celebrado Othello. A peza, dirixida por Marta Pazos, poderá verse no Auditorio Mar de Vigo o venres 22 de outubro, ás 20.00h, e o sábado 23, ás 20.30h, no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Ademais, xa no mes de decembro, o venres 10, aterrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Othello é a terceiro montaxe de Shakespeare que aborda Voadora, nunha visión transgresora, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena.

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas da traxedia. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Ángel Burgos, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Joaquín Abella.

Tal e como indica Marta Pazos, “desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando pé a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”. A partir do texto de Epelde, a compañía propón un debate arredor de cuestións como a construción do xénero e da identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, Marta Pazos despoxa as personaxes da súa pel e do seu xénero, coa intención de conectar “coa súa máis pura esencia e o seu máis profundo conflicto”.

POSVERDADE. Na súa adaptación do clásico, Marta Pazos propón atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. Para isto, a directora emprega a comedia como xerador de discurso. “A comedia é implacable. É o espazo para dicir a verdade máis rotunda”, asevera. Con ela, Pazos “ataca con crudeza” a “dor” que lle produce a historia de violencia machista do Othello. Neste sentido, a directora lembra que, na peza, unha muller (Desdémona) morre asasinada nunha acotación. “Queremos deter o tempo xusto en ‘Non hai tempo, é tarde (estrangúlaa)’ e volver sobre os pasos da historia para entender como chegou ata ese punto”.

A montaxe de Voadora nace dun lugar periférico, “desde o que investigamos os patróns de conduta machista do texto orixinal”, sinala a directora artística. Durante o confinamento de 2020, a compañía realizou unha fonda investigación sobre as violencias machistas, as relacións de poder e a presenza de novas falsas (fake news) na vida cotiá. Ao longo de distintas sesións, Voadora compartiu experiencias tanto con axentes profesionais do ámbito da comunicación coma do ámbito das cuestións de xénero (educadoras sociais, traballadoras da liña telefónica 016 ou terapeutas, entre outras).

EQUIPO ARTÍSTICO. Baixo a dirección de Marta Pazos, que tamén é a responsable do espazo escénico, Voadora propón un Othello no que o xénero flúe. O elenco, conformado por Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, María Vázquez e Hugo Torres, recrea unha peza na que Iago, o alférez de Othello, move baixo a razón dos seus caprichos as inseguridades do seu superior, para tecer con fíos raciais e de xénero unha arañeira que atrapará as demais personaxes. O espectáculo, con música orixinal de Hugo Torres, conta con Silvia Delagnau como responsable de vestiario e con María Cabeza de Vaca á fronte da coreografía.

MARTA PAZOS ROMPERÁ AS PAREDES DO CDN CON ‘COMEDIA SIN TÍTULO’ DE LORCA. A creadora regresa esta tempada ao Centro Dramático Nacional (CDN) para dirixir Comedia sin título, de Federico García Lorca, do 12 de novembro ao 26 de decembro no Teatro María Guerrero de Madrid. Comedia sin título é un drama social inconcluso, inacabado, do que Lorca tan só deixou por escrito o seu primeiro acto: o 18 de agosto de 1936, o poeta foi asasinado. O espectáculo, que conta cun elenco de 14 intérpretes no que ninguén supera os 30 anos, con nomes como os de Camila Viyuela ou Georgina Amorós, é unha aposta visual e rupturista, poética e impactante, que aborda a eclosión do artístico e rompe a cuarta parede para remover os cimentos dun teatro que xa Lorca consideraba caduco, tal e como o propio autor reflexiona no primeiro acto do libreto: “Por que imos sempre ao teatro para ver o que pasa e non o que nos pasa?”.

En palabras de Marta Pazos: “Comedia sin título é un primeiro acto, unha completa obra incompleta, unha antesala do inconcluso, unha premonición. Este primeiro acto acontece nun teatro. Margarita Xirgu contaba que o segundo e o terceiro transcurrirían na morgue e no ceo. Pero a obra nunca puido ser acabada... Esta posta en escena imaxina estes tres actos nunha parábola “palabra / corpo / espírito”. Comedia sin título fala da revolución, do «non hai marcha atrás». Fala da paixón pola arte e o amor pola vida. Azótanos nas butacas e axítanos no escenario. Lémbranos que somos unha mesma célula e que non ten sentido que sigamos as unhas sen as outras. Pero, sobre todo, é unha porta para entender que este camiño cara o novo témolo que facer xuntas”.

Comedia sin título estreouse por primeira vez en 1985, moitos anos despois do asasinato de Federico García Lorca. En 1989, unha nova montaxe do libreto exhibiuse no Teatro María Guerrero baixo a dirección de Lluís Pascual, con Marisa Paredes e Imanol Arias como protagonistas. Agora, máis de 30 anos despois, volve representarse neste mismo teatro, baixo a batuta de Marta Pazos.

SOBRE A COMPAÑÍA. Unha mirada irreverente e unha coidada posta en escena caracterizan o traballo de Voadora. Baixo a dirección de Marta Pazos, a compañía galega aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas cuxa hibridación resólvese, en cada peza, nun acto de profundo e sinceiro amor pola arte. A visión ética do traballo teatral, o coidado exquisito de cada elemento e unha fonda reflexión sobre a realidade desde as periferias caracterizan a Voadora, capaz de transformar a contorna do público para presentar montaxes únicas nas que a compañía, unha potente máquina de xerar experiencias e preguntas sen resposta, deixa sempre o seu sinal.