martes, 19 de octubre de 2021

O Teatro Amador dáse cita na Coruña no marco das xornadas ‘A Cultura é un Dereito’


 

O venres 22 e o sábado 23, o IES Rosalía Mera acolle o I Congreso de Teatro Amador que reunirá a Federacións de Valencia, Madrid, Cataluña e Galiza e nomes do teatro galego como Artur Trillo ou Afonso Becerra

O programa, ademais de relatorios e mesas redondas, tamén inclúe unha representación teatral e unha visita teatralizada pola cidade

A Coruña, 19 de outubro de 2021. O papel do Teatro Amador como axente de dinamización cultural integrador, nomeadamente en localidades e concellos cun menor número de habitantes, será un dos eixos fundamentais que se abordarán no I Congreso de Teatro Amador que terá lugar na Coruña o venres 22 e sábado 23. O encontro, que se enmarca no ciclo de xornadas ‘A Cultura é un Dereito’, reunirá a Federacións de Teatro Amador de Valencia, Madrid, Cataluña e Galiza e está comisariada pola presidenta da Federación de Teatro Amador AMATEGA, Josefa Deibe Pico.

O Congreso, que se desenvolverá no IES Rosalía Mera da Coruña, comezará coa representación da obra teatral Animais de Compañía de Fernando Castro Paredes a cargo do grupo Farándula Velutina, o venres ás 19h. O sábado pola mañá continuará con cinco relatorios. O primeiro será o de Afonso Becerra sobre “O teatro amador na encrucillada do século XXI. Función social e cuestións de estética e dramaturxia”; seguido de José María García-Luján que falará sobre “A relevancia do teatro amateur e as súas necesidades normativas”; do escritor Antón Cortizas con “Abre o pano dos ollos”; de Josefa Deibe sobre “Os espazos do teatro amador. Importancia das asociacións dentro do sector “; e rematará cunha “Aproximación a unha historia do teatro amador galego” a cargo de Artur Trillo.

Pola tarde, será a quenda da mesa redonda na que participan as Federacións de Teatro Amador para analizar as “Consecuencias da COVID-19 no teatro amador e outras eivas. Pasos das Federacións na busca de solucións para o sector”. Participarán Matías González Pinos, presidente da Federación de Teatro Amateur da C.A. de Valencia (FTACV), Javier Figueras Ocaña, presidente da Federación de Teatro Amateur da C.A. de Madrid (FETAM), Margarita Jornet Blanch, en representación da Federación de Teatro Amateur da C.A. de Cataluña (FGTAC), e Josefa Deibe Pico, presidenta da Federación de Teatro Amador Galego (AMATEGA). A visita cultural guiada “A Coruña teatral” a cargo de Secret Galicia dará remate ao Congreso.

Para asistir tanto á representación teatral do venres como aos relatorios e visita teatralizada pola cidade do sábado é preciso inscribirse en aculturaeundereito.gal. A asistencia a todas as actividades é de balde pero o aforo é limitado.