jueves, 21 de octubre de 2021

Entradas esgotadas para os concertos de Xoel López e Ángel Stanich do 31 de outubro


 

Stanich estreará na Coruña o seu novo traballo discográfico, Polvo de Battiato, que se publica este venres 22; e Xoel López presentará un repertorio exclusivo na súa cidade

O público poderá gozar de pé, xunto ao mar e ao aire libre, do regreso da música en directo nun espazo único no centro da Coruña: o seu porto

A apertura de portas, tanto o venres 29 coma o domingo 31, será ás 19.30 horas e os concertos comezarán ás 20.30 e 22.30 horas; mentres que a actuación de Bad Gyal do sábado 30 será ás 21.30 horas, coa apertura de portas unha hora e media antes

21 de outubro de 2021.- O ciclo de concertos Noites do Porto pendura este xoves o seu primeiro cartel de sold out. O público esgotou as entradas dispoñibles para asistir aos concertos que Ángel Stanich e Xoel López ofrecerán o vindeiro 31 de outubro no Porto da Coruña. O dúo será o ramo dun singular evento de tres xornadas de experiencias musicais únicas a carón do mar, de pé, para esta ponte de novembro.

Noites do Porto celebrará a súa primeira edición do 29 ao 31 de outubro e contará cun cartel de luxo, no que participan cinco artistas imprescindibles do panorama musical nacional. Xoel López, Ángel Stanich, Bad Gyal, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Califato ¾ actuarán nunha cita que terá lugar nun espazo simbólico na cidade da Coruña: o seu porto, concretamente, o peirao de Batería, que se abrirá por vez primeira á cultura e á mellor música ao vivo. Sen dúbida, elementos que completan unha orixinal e atractiva proposta cultural para este outono, na que o público poderá gozar de pé dun evento pioneiro no noroeste peninsular.

A cita conta cunha serie de cuestións destacadas: será o último concerto de Bad Gyal até o verán de 2022, suporá a estrea ao vivo do novo álbum de Stanich, Polvo de Battiato, e o reencontro de Xoel López co público da súa cidade, na que ofrecerá un repertorio exclusivo. Ademais, dúas das bandas máis relevantes do panorama musical estatal estarán en Noites do Porto: Califato 3/4 debutará na Coruña e Derby Motoreta’s Burrito Cachimba regresará para espallar o seu novo traballo discográfico. As entradas para gozar de Noites do Porto están á venda na páxina web oficial do ciclo, www.noitesdoporto.com.

Horarios e programación

Noites do Porto comezará o venres 29 da man de dúas bandas andaluzas: Califato ¾, un dos conxuntos revelación deste 2021 grazas ao seu impresionante álbum LA CONTRAÇEÑA, no que caben desde zambras western até acid house de corte jondo pasando por un regge flamencófilo; e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, que regresa á cidade para presentar o seu segundo traballo Hilo negro, un LP que é a consolidación dunha banda de barrio que creceu exponencialmente nestes tres anos espallando por festivais e escenarios de todo o país o seu rock e a súa kinkidelia. DMBK serán os responsables de abrir Noites do Porto ás 20.30 horas cun show dunha hora e media para dar paso, ás 22.30 horas, ao desenfreno musical de Califato ¾.

A noite do venres 30 será a quenda dun dos valores en alza da escena musical internacional, musa do dancehall e do trap: Bad Gyal. A cantante dalgúns dos temas máis coñecidos do momento, como 44, Blin blin ou Zorra, ofrecerá na Coruña o seu último concerto sobre os escenarios até o verán de 2022. No porto coruñés reivindicará un talento que suma discos de ouro e millóns de reproducións nas principais plataformas dixitais. A apertura de portas será ás 20.00 horas e o concerto de Bad Gyal comezará ás 21.30 horas.

O peche desta primeira edición de Noites do Porto chegará da man do xenuíno e inclasificable Ángel Stanich, quen estreará ao vivo na Coruña, ás 20.30 horas do día 31, o seu novo traballo, Polvo de Battiato; e do artista local máis relevante da escena independente estatal e, sen dúbida, dun dos máis solventes e representativos da iberoamericana: Xoel López. O coruñés pechará o ciclo na noite do domingo 31, a partir das 22.30 horas, cun repertorio exclusivo que tamén incluirá temas do último disco, Si mi rayo te alcanzara (2020).

Noites do Porto

O ciclo musical Noites do Porto propón tres veladas únicas de concertos xunto do mar, na Coruña, con artistas imprescindibles do panorama musical estatal. A aposta pola recuperación do patrimonio local e a integración do porto coruñés na cidade a través da cultura é unha das claves máis destacadas dun evento único para este outono, a ceo aberto, de pé, e nun enclave simbólico. A iniciativa, impulsada por MASGALICIA, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), do Concello da Coruña, do Porto da Coruña, de Estrella Galicia, de Radio Coruña Cadena SER e de Gadis.