A actuación permitirá crear un bulevar máis verde que conectará os barrios
dos Mallos e a Sagrada Familia
A Coruña, 24 de setembro de 2021.- O Concello eliminará o paso inferior existente no
cruzamento entre a avenida de Arteixo e a rolda de Nelle recuperando o cruzamento o nivel
orixinal. Así o anunciou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, quen explicou que a decisión se
tomou unha vez analizados os datos de tráficos da zona co fin de adoptar a mellor solución
en materia de mobilidade, e poder empezar este luns as obras para reparar os problemas
estruturais que se detectaron nos muros dos ramais desta avenida. A actuación, explicou a
rexedora, permitirá crear un bulevar mais verde, que conectará os barrios dos Mallos e a
Sagrada Familia e contará con carril bici.
A alcaldesa lembrou que o pasado martes a Área de Infraestruturas decidiu cortar o tráfico
en tres dos ramais da avenida de Arteixo para garantir a seguridade tanto de vehículos
como de viandantes nese punto da rede viaria. Agora, dixo, aproveitando a intervención,
remodelarase todo o cruzamento.
Rey explicou que esta intervención permite recuperar o estado orixinal desta vía
humanizándoa e introducindo arboredo e creando espazos accesibles e seguros para as
persoas. “Os servizos de Infraestruturas e Mobilidade están a traballar para levar a cabo
unha actuación que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade peonil, unir os barrios da
contorna e a conexión entre eles e o parque de Santa Margarida”, dixo a alcaldesa, quen
lembrou que “o Goberno segue a traballa para acadar unha cidade máis amable e, por iso,
aposta por un novo modelo de mobilidade máis sostible e segura, accesible a todas as
persoas”.
Rey apuntou que está previsto que a actuación comece a vindeira semana, o que permitirá,
sempre que as condicións atmosféricas o permitan, que as obras estean finalizadas e a
intersección operativa en Nadal.
Desde a Área de Mobilidade propoñen varios itinerarios alternativos durante a execución
das obras, mantendo sempre aberto o carril dereito do ramal de acceso da avenida de
Arteixo á Rolda de Nelle en dirección entrada da cidade que, na actualidade, segue en
funcionamento.