Inés Rey deu a orde de iniciar a actuación canto antes co fin de
garantir a seguridade
A Coruña, 20 de setembro de 2021.- O persoal técnico de Infraestruturas detectou
problemas estruturais nos muros de contención do paso inferior da avenida de
Arteixo, no cruzamento coa rolda de Nelle. Mañá, martes 21 de setembro, comezará
o traballo de consolidación dos muros, unha actuación que obrigará a cortar os
ramais que conectan a avenida de Arteixo coa rolda de Nelle. A alcaldesa da
Coruña, Inés Rey, deu a orde de iniciar canto antes a actuación tras coñecer os
informes do persoal técnico de Infraestruturas, xa que o obxectivo é garantir a
seguridade neste punto da rede viaria da cidade, unha das arterias principais de
tráfico da cidade.
O persoal técnico municipal puxo en marcha hai meses un proceso de
monitorización dos muros do paso inferior e tras analizar os datos encargou un
informe estrutural que apunta a necesidade de intervir de urxencia na infraestrutura
viaria.
Mañá martes procederase ao corte do tráfico nos tres ramais da avenida de Arteixo
no cruzamento coa rolda de Nelle e manterase en servizo o carril dereito do ramal
de conexión da avenida de Arteixo - rolda de Nelle no sentido de entrada da cidade.
Mobilidade está facendo un estudo pormenorizado dos datos de tráfico na zona de
cara a tomar a mellor decisión en materia de mobilidade para iniciar con carácter
urxente a obra que podería empezar xa a finais deste mes de setembro.