lunes, 10 de mayo de 2021

'32m2', a traxicomedia sobre o confinamento, chega o venres 14 ao Fórum Metropolitano


 

A peza, con música orixinal de Rodrigo Cuevas, presenta a Mar e Xan, unha parella “antisistema” que afronta, de súpeto, o confinamento de toda a poboación.   

A Coruña, 10 de maio de 2021.- 

ButacaZero levará esta fin de semana o seu novo espectáculo, 32m2, ao Fórum Metropolitano da Coruña. A plataforma creativa dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón, a través dunha peza de teatro absurdo, unha viaxe cara un pasado recente “á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade”: o encerro da pasada primavera. As entradas xa están á venda a través do portal web http://corunacultura.sacatuentrada.es

A peza, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” sobre o confinamento. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia habitual da sociedade coa precariedade e as desigualdades a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación e o país se transforma nunha HiberNación. 

A nova produción de ButacaZero preséntase ao público a través dunha Xira confinada, unha serie de funcións que se desenvolven en diferentes localidades galegas até o 20 de xuño. Logo da súa estrea en Vigo o pasado 12 de marzo, a peza visitou localidades como Rianxo, Vilalba, Pontevedra, Muros, Vilagarcía de Arousa, Cee, As Pontes ou Santiago de Compostela, localidade na que esgotou as entradas nas dúas funcións que acolleu o Teatro Principal. Este venres 14 a obra representarase na Coruña, a partir das 20.30 horas, no Fórum Metropolitano. Nas vindeiras semanas, 32m2 visitará A Guarda, Ferrol e Cedeira antes de pechar a xira en Tomiño.  

32m2 no papel

A estrea e xira de 32m2  acompáñase da publicación en papel do libro homónimo, que tamén asina a propia Carrodeguas. O texto, publicado por Edicións Positivas, pódese adquirir tanto a través da páxina web https://edicionspositivas.com/producto/32m2/ coma en diferentes librarías da Coruña  (Berbiriana, Sisargas ou Suévia, entre outras) coas que traballa habitualmente a editorial.

A compañía

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con 32m2, o tándem aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.