32 quilómetros de ruta por un dos espazos naturais de referencia na provincia e que discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral.
A iniciativa súmase aos traballos que a Deputación está a realizar para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses.
A Coruña, 3 de maio de 2021.
A Deputación da Coruña licita por máis de 2,1 millóns de euros os tres tramos da senda ciclista que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre e que conectará con Carral. A vía de 32 quilómetros discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral. As tarefas terán un prazo de execución aproximado de 10 meses e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 25 de maio.
O proxecto conta cun importante investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Esta ruta permitirá visitar en bici ou a pé un dos espazos naturais de referencia na provincia da Coruña.
O ente provincial asume directamente a xestión das actuacións, que se dividirán en tres tramos. O primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral e sae a licitación cun presuposto de 810.428 euros. O segundo e terceiro discorrerán por Abegondo e Carral, contando o primeiro con 785.794 euros de investimento e con 554.465 euros o segundo.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia de proxectos como este no cambio cara unha mobilidade máis sostible no territorio provincial. “Desde a Deputación estamos a realizar unha importante aposta para promover un novo modelo de mobilidade respectuosa co medio, onde a bicicleta adquire un papel central” indica.
O novo carril bici discorrerá en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometerá diferentes actuacións que permitirán compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.
A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorrerá ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.
O deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta iniciativa se suma “aos traballos que desde a Deputación estamos a facer para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses”, sinala. Un proxecto que conta tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará o municipio de Culleredo co de Santiago empregando as antigas vías de ferrocarril.