viernes, 14 de mayo de 2021

A cantante e actriz coruñesa Amparo Malo e o produtor musical Granha estrean a canción Luz no delirio nunha homenaxe a Xela Arias polo Día das Letras Galegas


 Imaxe: Deseño de Marina Holguín & Simón Míguez


A canción poderase escoitar en distintas plataformas dixitais como You Tube e Soundcloud a partir do vindeiro luns, 17 de maio

● As bases electrónicas sobre as que Granha rescata a voz da poeta recitando mesturanse con fragmentos musicalizados do poema Luz no delirio nos que cobra protagonismo a voz de Amparo Malo

● O resultado é unha canción de tintes orgánicos onde o bombeo dun corazón, sempre presente, transporta á persoa que escoita nunha viaxe cara a terras galegas desde unha perspectiva vangardista

A Coruña, 15 de maio de 2021.-

O vindeiro luns, 17 de maio, a cantante e actriz Amparo Malo, en colaboración co produtor musical Granha, estrea Luz no delirio, unha canción elaborada desde a admiración en homenaxe a Xela Arias, a poetisa á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

Trátase dunha composición sobre unha base electrónica cunha melodía creada por Amparo Malo empregando como letra o poema homónimo da homenaxeada, Luz no delirio. O resultado é un tema que mestura a electrónica co folclore galego a través da presencia marcada dun latido que representa o son do corazón de Xela Arias, falecida no ano 2003 dun paro cardíaco.

En palabras de Amparo Malo “Foi un proceso moi bonito no que levamos traballando semanas. Colaboramos primeiro na distancia compartindo os bocetos grazas ás tecnoloxías que hoxe en día nolo permiten e onte mesmo rematamos a masterización no estudio”.

Amparo Malo

Amparo Malo é cantante, ademáis de actriz e bailarina. Tras a súa aparencia doce agóchase unha profesional camaleónica, chea de matices que emana, case sen querer, ese carisma que teñen as persoas auténticas.

Galega de sangre andaluza, vive entre A Coruña e Madrid, e antes da pandemia repartía o seu tempo sobre todo entre o teatro e as actuacións como cantante de flamenco e boleros. Agora, mentres o sector cultural vaise recuperando, ela está concentrada nos seus novos proxectos.

Ademáis de ter participado en videoclips, filmes e series (Perdida, Lo mejor de ti, Centro Médico -TVE-, etc ... ), xirou por toda a península a través da Red Española de Teatros con “Reconto de danos” un espectáculo multidisciplinar -teatro, danza, cabaret e performance- polo que estivo nomeada á Mellor Actriz Revelación 2018 nos premios da Unión de actores de Madrid.

Granha

Granha, produtor galego con base en Barcelona, plasma en cada unha das súas creacións as súas raíces. Gaitas celtas, sons do Atlántico e pandeiretas galegas mestúranse coa música electrónica co fin de aportar a súa visión persoal do folclore galego achegándoo ao ambiente dos Clubes.

Fusionando a música tradicional coa electrónica actual, a súa música evoca desde os vastos campos verdes da Galicia máis profunda ata á forza do mar da Costa da Morte.