O músico e investigador galego ofrecerá un concerto no recinto coruñés acompañado ao vivo polas voces de Pandeireteiras sen Fronteiros e músicos de referencia da escena como Pedro Lamas.
O 22 de marzo Xurxo Fernandes publicará o primeiro corte do disco, no que achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva a través da mistura dos sons máis arcaicos da Galicia primitiva co Mediterráneo oriental.
A Coruña, 15 de marzo de 2021.-
O músico Xurxo Fernandes, creador de proxectos de referencia Radio Cos ou Jako el Muzikante, presentará o venres 9 de abril o seu novo traballo discográfico no Teatro Rosalía Castro. Levaino! é un álbum cunha sonoridade peculiar no que o creador aúna, por vez primeira, as principais vertentes da súa creación e presenta unha sorprendente visión sobre as músicas de raíz e de creación colectiva. As entradas para a cita sairán á venda nos vindeiros días.
Acompañado dunha potente banda de músicos de referencia da escena galega, como Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, ademais da enerxía e das voces de Pandeireteiras sen Fronteiros, Xurxo Fernandes convidará ao público percorrer e experimentar unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo Oriental a través da tradición oral galega acompañada de atractivos arranxos musicais e elementos modernos, como o baixo electrónico, teclado ou saxo. Cunha voz cálida, potente e chea de matices e expresividade, o músico achegará a audiencia do Teatro Rosalía Castro unha proposta exquisita, repleta de virtuosidade e que ofrece unha visión única sobre as músicas de raíz.
Precisamente Levaino! pon de manifesto os estreitos vínculos entre as dúas culturas, que á vez responden aos campos de traballo habituais do propio Fernandes: por unha banda, a do investigador, desde moi novo, da música de tradición oral galega (da que beben proxectos como Radio Cos) e, por outra, a que desenvolveu en paralelo como entusiasta intérprete da música urbana dos xudeus do Imperio Otomano, a través de Jako el Muzikante. Para o creador, Levaino! é fundamentalmente “unha encrucillada” na que se atopan estes dous Xurxos, “un xogo de espellos no que se reflicten e funden as dúas realidades”.
Xurxo Fernandes define Levaino! como unha viaxe de autorrecoñemento: o creador explora a conexión existente entre Galicia e o Mediterráneo e procura tender pontes a través da creación popular colectiva. Así, os sons máis arcaicos unha Galicia primitiva atopan o seu contrapunto, dun xeito moi orgánico, en elementos de sonoridades orientais. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que semellan.
Lanzamento do primeiro single
O 22 de marzo Xurxo Fernandes publicará o primeiro corte deste novo traballo, de título
homónimo. O single Levaino!, cuxa intención é “exhortar a non perder a identidade nun mundo
globalizado”, segundo afirma o artista, estará a disposición do público a partir do vindeiro luns
a través da plataforma Youtube, na que se poderá visualizar o vídeo creado para a ocasión por
Kaito Estudios e que dirixe o realizador Xaime Miranda.
Nos días previos á estrea, Xurxo Fernandes publicará algúns pequenos avances do videoclip a través dos seus perfís nas redes sociais Instagram e Facebook.
Xurxo Fernandes
Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz. Como intérprete é unha das voces máis singulares do panorama actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento da creación popular colectiva que desenvolve desde mozo.
A curiosidade leva ao creador a iniciar, en 1994, unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas. Como músico e intérprete, crea e forma parte de Radio Cos, proxecto musical co que publica dous discos -Sete cuncas (2013) e Pasasatempo (2017)- e visita escenarios de Reino Unido, Francia, Polonia ou Malasia. Mais no ámbito internacional é recoñecido polo seu sorprendente proxecto Jako el Muzikante, que rescata o ambiente dos cafés amán propios dos anos vinte do século XX. Espazos nos que gregos, turcos, armenios e sefardís descendentes dos xudeus expulsados de España no 1429 se reúnen de xeito clandestino para cantar.
Neste 2021 o artista aúna nun novo traballo as principais vertentes da súa creación. A procura desta conexión única, cunha sonoridade peculiar, é Levaino!