lunes, 22 de marzo de 2021

32m2, a traxicomedia sobre o confinamento, chega o domingo 28 a Arteixo



A Coruña, 22 de marzo de 2021.-

Na fin de semana do Día Mundial do Teatro, a plataforma creativa ButacaZero levará o sábado 28 a Arteixo o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera. O proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente “á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade”. A función terá lugar no Auditorio do Centro Cívico Cultural a partir das 20.00 horas e as entradas poderanse retirar desde unha hora antes da función na billeteira do CCC.

A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación. Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na “vella normalidade” serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” ante unha situación que marcou, e marcará, a vida de toda unha sociedade.

“Cremos que todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20h, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras. Con ela propoñemos botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a nosa sociedade e recoñecernos en situacións absurdas que nos permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía”, expoñen Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira.





UNHA XIRA CONFINADA

A nova produción da plataforma ButacaZero preséntase ao público galego a través dunha serie de funcións nomeada Xira confinada, xa que todas as representacións de 32m2 se desenvolverán en diferentes recintos culturais galegos até o día 20 de xuño. Logo desta parada en Cee, a peza viaxará ata Pontevedra. Xa no mes de abril, 32m2 visitará as localidades de O Barco, Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa, Redondela ou As Pontes de García Rodríguez. As funcións continuarán no mes de maio en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que no mes de xuño ButacaZero achegará a súa máis recente creación a poboacións como Ferrol, Cedeira ou Tomiño. Todas as datas da xira pódense consultar na páxina web www.butacazero.net.

A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con 32m2,o tándem aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.