jueves, 3 de diciembre de 2020

O Concello retransmitirá o acendido de Nadal en streaming


A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este ano o tradicional acendido navideño será “unha homenaxe a todas e todos os que traballaron garantindo os servizos esenciais da nosa cidade mentres estabamos na casa seguros”

A Coruña, 3 de decembro de 2020.- 

O Concello retransmitirá mañá o tradicional acendido de Nadal en streaming para que todas as coruñesas e coruñeses poidan gozar do pistoletazo de saída das festas sen necesidade de achegarse á praza de María Pita. Será ás 19.30h e poderá seguirse a través do portal web municipal www.coruna.gal

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este ano o acendido navideño será “unha homenaxe a todas e todos os que traballaron garantindo os servizos esenciais da nosa cidade mentres estabamos na casa seguros” e, asegurou, “este ano A Coruña vivirá un Nadal especial, cargado de simbolismo e centrado nos barrios, en que lembraremos a todas as persoas que faleceron neste fatídico 2020 e lles renderemos unha merecida homenaxe a todas as persoas anónimas que nos coidaron durante o confinamento para mostrarlles o noso agradecemento”. Honraremos, sinalou, o seu labor limpando e desinfectando as rúas, nos supermercados, levándolles comida ás familias máis necesitadas, axudándolles ás nosas persoas maiores, conducindo os buses que nos levaron aos nosos traballos, loitando contra o virus nos hospitais... ás e aos bombeiros, policías e centos de voluntarias e voluntarios que estiveron en primeira liña desde o minuto cero.

Por iso, todas esas persoas anónimas serán mañá as encargadas de darlle o pistoletazo de saída ás nosas festas co tradicional acendido da iluminación do Nadal, unha iluminación que chegará a todos os nosos barrios cunhas luces acolledoras e que terá o seu punto de partida na praza de María Pita cun planetario que evocará o da Casa das Ciencias e que nos trasladará a un ceo estrelado. Rey asegurou que “mañá haberá máis sorpresas en María Pita” e destacou que durante o Nadal realizaranse espectáculos de animación polos barrios en que se garantirán que non se produzan concentracións de xente.

A iluminación, explicou a rexedora, levará o espírito do Nadal a todos os barrios e servirá para darlle vida ao comercio local e á hostalería. “Será un Nadal diferente, en que nos toca quedarnos nos nosos barrios e consumir no comercio de proximidade”, apuntou a rexedora que animou as coruñesas e os coruñeses a gozar da súa zona, “a vivir un Nadal atípico en que o importante será coidar da saúde de todas e todos”.