“Pedimos medidas xustas, equilibradas e proporcionais. Medidas
anunciadas con antelación suficiente para evitar que os negocios
sufran perdas imprevistas, como ocorreu a pasada fin de semana”
“A Xunta ten que ofrecer xa alternativas económicas ás persoas
afectadas polos novos peches"
A Coruña, 4 de novembro de 2020.-
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, insta á Xunta a
pór en marcha medidas urxentes para evitar a quebra dos negocios da hostalaría,
tras as restricións anunciadas hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
A rexedora mostra o seu total apoio ao sector hostaleiro que apunta, “está sufrindo
de modo directo as consecuencias das limitacións impostas pola pandemia”.
Rey lamenta que a Xunta tome medidas que afectarán ao sector hostaleiro, “sen
anunciar en paralelo axudas económicas ante a perda de actividade. Non podemos
condenar a un sector enteiro sen ofrecerlles ao mesmo tempo unha saída”.
A alcaldesa esixe medidas “xustas, equilibradas e proporcionais”. E advirte que
estas restricións deben ser anunciadas con antelación suficiente para evitar que os
negocios teñan perdas imprevistas, como ocorreu a pasada fin de semana. “A Xunta
ten que ofrecer xa alternativas económicas ás persoas afectadas polos novos
peches.”
Sinala, ademais, que a implantación de medidas contra a Covid non pode
converterse nun castigo arbitrario para as e os afectados, xa que, por exemplo, as e
os hostaleiros “non teñen ningunha posibilidade de manteren os seus ingresos á
marxe dos seus negocios”.
Por outro lado, entende que estas restricións tamén afectarán a sectores como o
dos mercados de abastos e á propia Lonxa.
Insiste en que sen o preciso apoio económico, a Xunta contribuirá a converter a
crise sanitaria nunha crise económica sen precedentes.