viernes, 2 de octubre de 2020

Sés presenta na Coruña o seu disco Liberar as arterias, “un canto á loita e á reacción desde o empoderamento, lonxe da submisión”

O concerto, aprazado na primavera por mor do confinamento, terá lugar o domingo 11 de outubro no Pazo da Ópera a partir das 20.30 horas e conta con entradas dispoñibles a través da plataforma www.ataquilla.com


O concerto, aprazado na primavera por mor do confinamento, terá lugar o domingo 11 de outubro no Pazo da Ópera a partir das 20.30 horas e conta con entradas dispoñibles a través da plataforma www.ataquilla.com

A produción artística e executiva de Liberar as arterias é de Sés, quen acompañada de guitarras, palmas e percursións rende homenaxe á poeta Luz Fandiño

A Coruña, 2 de outubro de 2020.- 

María Xosé Silvar, Sés, regresa aos escenarios da Coruña para presentar o seu último traballo, Liberar as arterias. O vindeiro domingo 11 de outubro, a partir das 20.30 horas, dará a coñecer ante o público coruñés o seu sétimo álbum de estudio, un disco cru e directo no que a cantareira advirte da carraxe e do rancor e chama a enfrontar a realidade e a inxustiza con valentía e desde o empoderamento. Sempre desde abaixo cara á cima, sempre desde o activismo cotiá.

Liberar as arterias, publicado antes do confinamento da primavera, é un traballo coidado, sen interferencias, no que Sés non se separa da súa voz, porque ela é a súa voz: cantareira, compositora e produtora -nesta ocasión artística e executiva-, Maria Xosé Silvar instálase na idea de resistencia e de orgullo de seu. Guitarras, palmas e percusións acompañan e conviven coa voz, carisma, discurso, composicións e arranxos dunha artista que segue a evolucionar en cada un dos seus traballos.

A crenza na loita e na rabia pero nunha rabia puntual, xustificada e dominada, non dominante, é a base da súa nova proposta. Quero sangrar as feridas para liberar as miñas arterias. As verbas de Luz Fandiño agroman de principio a fin, en cada compás, en todas as letras do disco, aínda que, desde a literalidade, só compartan título. Ao cabo, Liberar as arterias é unha homenaxe á poeta, “un exemplo de vitalismo, valentía, insubmisión e irreverencia” para a cantareira. O disco é unha mensaxe que entronca co concepto de depuración que Fandiño propón e no que Sés se identifica de pleno neste traballo. “Creo na lucidez, na sensatez, na aprendizaxe e na prudencia. Desde elas creo que se loita, se canta e se vive mellor. Isto é Liberar as arterias: loita e reacción, si, pero desde o empoderamento, non desde a submisión”, subliña Sés.

Así, a cantareira salienta a pertinencia de non caer na ira, na cegueira ou no dogmatismo “para ser loitadoras vitalistas, máis fortes, máis potentes”. Para sermos A bala vendida. Cántao en Espiñas sen rosas, en Trampa de odio ou A única señora, pezas dunha ducia de reflexións e reivindicacións que conforman un álbum co que chama a lexitimar o enfado ante unha inxustiza sempre que permita enfrontar os feitos con valentía, firmeza e asertividade. Nos palcos ou debaixo dos mesmos, renunciando ao aplauso fácil e desde o activismo cotiá. 

O vindeiro domingo 11 o público poderá gozar no Pazo da Ópera do contundente directo dunha artista valente, perseverante e liberada, defensora da tradición musical e do activismo cotiá. A cita, para a que aínda quedan entradas dispoñibles a través da plataforma web www.ataquilla.com, comezará ás 20.30 horas.

SÉS
María Xosé Silvar, Sés, inicia no 2011 unha traxectoria musical imparable e de profunda actividade creativa coa gravación do seu primeiro álbum, Admirando a condición. Dous anos máis tarde, en xuño de 2013, presenta Co xenio destrozado no Teatro Teatro Principal de Santiago de Compostela, no 2015 lanza Tronzar os valos e no mes de decembro do 2016 ve a luz Opoñerse á extinción. Pero é no 2017 cando chega o punto de inflexión e decide retomar o seu primeiro traballo para facer os arranxos que ela considera necesarios e explorar o seu propio son. Este é o nacemento de Readmirando a condición. O seu sexto disco, Rabia ao silencio, chega no 2019. É o preludio dun novo traballo no que a loita e a reacción fían un relato ateigado de verdade, aprendizaxe e empoderamento: Liberar as arterias (2020).