viernes, 9 de octubre de 2020

O concerto de presentación de Liberar as arterias na Coruña aprázase por positivo en covid-19 de Sés

 


A cantareira, que se atopa en bo estado no seu domicilio, comprométese a contar cunha nova data na Coruña para presentar, ao vivo, o seu último disco. 

O aprazamento tamén afecta a outras das actuacións previstas nos vindeiros días, como son o sábado 10 no Rosal e o mércores 14 en Santiago. 

A Coruña, 9 de outubro de 2020.- Sés lamenta aprazar o concerto de presentación de Liberar as arterias na Coruña após coñecer o seu positivo en covid-19.  A cantareira atópase en bo estado e confinada no seu domicilio, e quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao seu público, ao que agradece a confianza no seu traballo. Sés lamenta non poder celebrar o reencontro coruñés, mais promete atopar, o antes posible, unha data para dita presentación. O aprazamento tamén afecta a outras previstas para os vindeiros días no Rosal (sábado 10, banda completa) e Santiago de Compostela (mércores 14, formato dúo). 

A actuación na Coruña, prevista para este domingo 11 ás 20.30 horas no Pazo da Ópera, tiña como obxectivo dar a coñecer o sétimo álbum de estudio da coruñesa, Liberar as arterias. Un traballo coidado, sen interferencias, no que Sés segue a demostrar a súa constante evolución en cada tema, e no que rende homenaxe á poeta Luz Fandiño. 

Todas aquelas persoas con entrada para o Pazo da Ópera que desexen solicitar a devolución poderán facelo desde hoxe. A plataforma web Ataquilla.com porase en contacto ao longo desta xornada cos compradores para trasladar a posibilidade da devolución, así como o procedemento e prazos para solicitala, que será até o 25 de outubro inclusive. Os compradores deberán indicar o enderezo de correo electrónico co que se realizou a compra e a referencia das súas entradas a través dun enlace que recibirán no seu correo.