lunes, 5 de octubre de 2020

O concello saca a concurso a redacción do proxecto para a humanización de San Andrés

A alcaldesa, Inés Rey, sinala que, tras os traballos, a rúa recuperará o seu pasado comercial e funcionará de “espiña dorsal dun modelo de espazo público diverso e socialmente cohesionado na cidade”




A alcaldesa, Inés Rey, sinala que, tras os traballos, a rúa recuperará o seu pasado comercial e funcionará de “espiña dorsal dun modelo de espazo público diverso e socialmente cohesionado na cidade”

A Coruña, 5 de outubro de 2020.-

O concello saca a concurso cun orzamento de 98.456,28 euros a redacción do proxecto das obras de “Reurbanización da rúa de San Andrés”, que abarcará o tramo que vai entre a praza de Pontevedra e a rúa Pórtico de San Andrés. A alcaldesa, Inés Rey, sinala que a obra recuperará o pasado comercial dun vieiro que se pretende que sexa de paseo, para o que se mellorarán actuacións que noutrora deron problemas na execución e no seu uso diario.

Ademais, controlarase a afluencia excesiva de vehículos motorizados no centro da cidade. Deste xeito, crearanse itinerarios de mobilidade brandos e aumentarase a calidade de espazo público: “San Andrés funcionará de espiña dorsal sobre a que se asentará un modelo de espazo público diverso, compacto e socialmente cohesionado”, explicou a rexedora. A humanización da rúa conseguirase gañando metros cadrados para a estancia e o lecer, reforzados con mobiliario urbano e árbores, así como impulsando o seu carácter comercial. A cidadanía será a protagonista e recuperará a súa posición fronte ao coche. Para a obra, teranse en conta as determinacións tomadas para a avenida da Mariña e os Cantóns co fin de crear unha harmonía no deseño. 

Os percorridos peonís serán prioritarios na rúa, polo que se ampliarán as beirarrúas. Por outro lado, o concello quere devolverlle o verde a unha vía en que orixinariamente se configurou o primeiro paseo con árbores da cidade a finais do século XVIII coa plantación de 300 moreiras de Valdeorras. Con esta reforma regresará esta especie nesa intención de recuperar o pasado de San Andrés e interconectala con zonas onde xa se realizaron proxectos desta natureza. Por iso, contemplarase o tratamento da rúa Pastoriza para que a intervención sexa coherente en relación con esta e a praza Cineasta Sellier e que encaixe coas rúas perpendiculares xa reurbanizadas. 

Desde Urbanismo estiman que a súa redacción debería estar entregada no primeiro trimestre de 2021 para tratar de licitar a obra á volta do verán cunha partida de 1,92 millóns de euros. Deste xeito, calculan que os traballos poderían executarse nun prazo inferior ao ano.