A dirección do centro educativo solicitoulle á Concellería de Educación que
acometa estes traballos de desinfección nas instalacións como consecuencia da
aparición de dous positivos en COVID-19 no alumnado
A Coruña, 16 de setembro de 2020.-
O concello desinfectará esta tarde o CEIP
Ramón de la Sagra tras confirmarse dous positivos en COVID -19 no alumnado do
centro educativo. O propio colexio solicitoulle ao concelleiro de Educación e
Memoria Histórica, Jesús Celemín, que acometa estes labores de desinfección no
centro de ensinanza de Elviña, que se realizarán en coordinación coa Concellería de
Medio Ambiente que dirixe Esther Fontán.
A Concellería de Educación respondeu de inmediato a esta petición da dirección do
CEIP Ramón de la Sagra, o primeiro centro educativo con casos positivos da
COVID -19 na cidade, para evitar que aparezan máis contaxios no alumnado e
profesorado. Ambos os concelleiros lembran que este tipo de actuacións deben ser
financiadas pola Xunta de Galicia e que non son da súa competencia, aínda que
dada a urxencia do caso procederase á devandita desinfección do centro.
Desde hai días a alcaldesa denunciou a improvisación da Xunta á hora de preparar
a volta ás aulas nos centros públicos de toda Galicia xa que, asegura, o Goberno de
Feijoo está "deixando que todo o peso da volta ás aulas recaia sobre os concellos".
Ademais, esíxelle á Consellería de Educación que lles transfira aos concellos os
fondos que a Xunta recibiu do Estado para cubrir os gastos educativos derivados da
COVID-19 e “podermos asumir deste xeito esas competencias que non son dos
concellos”. Rey sinala que "necesítanse medios e fondos para poder realizar os
labores de desinfección nos centros, que a Xunta está obrigada a facer”.