Valentín González Formoso e Sandra González reuníronse cos directores dos
centros educativos dependentes da Deputación: IES Calvo Sotelo, IES Puga
Ramón e o Conservatorio de Danza
Ampliación de horarios, reforzo dos servizos de limpeza e contratación de máis
persoal docente son algunhas das principais medidas, que serán máis estrictas
na residencia e comedor do Calvo Sotelo, onde haberá controis de temperatura
dos residentes, comida envasada individualmente e habitacións para posibles
illamentos preventivos
Valentín González Formoso destacou que “para lograr unha volta ás aulas o
máis segura posible é imprescindible a colaboración de todos os axentes
implicados: institucións, profesorado e alumnado”
A Coruña, 04 de setembro de 2020.
O presidente da Deputación da Coruña,
Valentín González Formoso, e a deputada de Educación, Sandra González,
reuníronse hoxe cos directores dos centros educativos dependentes da
administración provincial; o IES Calvo Sotelo, IES Puga Ramón e o Conservatorio de
Danzas; para coñecer os avances e as necesidades dos centros de cara ao vindeiro
curso.
Ao saír do encontro González Formoso amosouse satisfeito do traballo realizado pola
deputada de Educación e os equipos directores dos centros educativos para garantir
“a máxima seguridade na volta ás clases” e detallou que ampliación do cadro de
persoal docente, o reforzo dos servizos de limpeza e desinfección e a ampliación de
horarios para garantir sempre un ratio inferior aos 25 alumnos por clase son algunhas
das principais medidas tomadas, ás que se suman outras como a posta a
reorganización interna dos servizos da Deputación para que os centros podan contar
con servizos de Enfermería.
“Para garantir unha volta ás clases segura é imprescindible a colaboración de todos
os axentes implicados. As institucións debemos encargarnos de poñer ao alcance dos
centros os medios necesarios e necesitamos a colaboración do profesorado e do
alumnado para que a execución do protocolo sexa un éxito”, afirmou González
Formoso.
Pola súa parte, Sandra González explicou que “a Deputación traballou en esterita
coordinación cos equipos educativos para que este Plan de volta aos centros de
ensino sexa o máis seguro para toda a comunidade educativa”.
Este plan provincial de volta ás aulas, que adaptou as medidas contra a COVID-19
recomendadas polas autoridades sanitarias ás necesidades específicas dos centros
educativos, inclúe unha serie de medidas e investimentos que se levarán a cabo nos
tres espazos como a instalación de medidas de protección nas oficinas e o
investimento para dotalos de material de protección individual, xeles desinfectantes,
produtos desinfectantes e sinalización de espazos. Por outro lado, está perfilado un
plan que permitirá á mellora dos servizos telemáticos (cámaras web, ordenadores,
etc.) prevendo que unha situación de volta ao confinamento non repercuta nunha
minoración da calidade educativa.
No caso concreto do IES Calvo Sotelo o protocolo inclúe o reforzo do servizo de
limpeza para levar a cabo varias desinfeccións diarias de todos os espazos do centro.
Como medidas de protección instalaranse mamparas de separación nos talleres e o
ratio non superará en ningún momento os 22 alumnos por aula. Para conseguir isto
último, estableceuse unha ampliación de horarios polas tardes o que permite unha
distribución máis segura do alumnado. Ademais, haberá horarios de entradas e
saídas por grupos, algo que tamén se fará nos recreos. O centro contará tamén cun
servizo de enfermaría que estará activo de luns a venres durante todo o curso.
A residencia de estudantes IES Calvo Sotelo tamén contará co seu propio protocolo,
controlándose a temperatura dos residentes 3 veces ao día e habilitando 3
habitacións para posibles illamentos preventivos. No caso do comedor, a comida
servirase envasada individualmente e separarase ao alumnado residente co de media
pensión en diferentes zonas.
Para o IES Puga Ramón, que é o centro con maior alumnado con 19 grupos divididos
entre a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato, contrataranse tres
docentes para reducir o rateo recomendado pola Xunta de Galicia e rebaixando así de
25 o número de alumnos e alumnas por clase. Intensificarase o servizo de limpeza
para lograr unha correcta desinfección dos espazos e tamén contará cun servizo de
enfermaría durante todo o curso.
Por último, no Conservatorio de Danza a volta ás clases tamén cumprirá co
protocolo establecido polas autoridades sanitarias. Para isto, estableceuse unha
ampliación do horario e procedeuse á contratación de persoal para garantir a
desinfección de zonas comúns e das aulas.