lunes, 21 de septiembre de 2020

A Deputación da Coruña ilumínase de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer

Outros emblemáticos edificios coruñeses, coma a Torre de Hércules ou o Castelo de Santa Cruz, xa se uniron en edicións anteriores a esta iniciativa internacional.

 

A institución provincial amosa o seu apoio aos enfermos e familiares

A Coruña, 21 de setembro de 2020. 

A Deputación da Coruña súmase hoxe aos actos en prol da concienciación sobre o alzheimer. A Organización Mundial da Saúde (OMS) instituíu nesta data o Día Mundial do Alzheimer, co obxectivo de dar a coñecer a enfermidade, difundir información e acadar o apoio das institucións e organismos públicos e privados, así coma da sociedade en xeral. Para evidenciar o seu apoio, a sede da Deputación iluminarase esta noite de cor de morado. Trátase da cor asociada á loita contra esta enfermidade dexenerativa.

Outros emblemáticos edificios coruñeses, coma a Torre de Hércules ou o Castelo de Santa Cruz, xa se uniron en edicións anteriores a esta iniciativa internacional. Algúns dos lugares máis recoñecidos a nivel mundial, como o Empire State, a Torre Eiffel ou as Cataratas do Niagara, tamén adoitan iluminarse de morado coma mostra de apoio aos enfermos e familiares. Segundo a Confederación Española do Alzheimer (CEAFA), máis de 1,2 millóns de persoas sofren esta doenza en España.