Despois de analizar a situación epidemiolóxica actual ocasionada pola pandemia da
COVID-19 na cidade, e de contrastar os datos coa Consellería de Sanidade, o
Goberno local decide reducir as festas da cidade un 75%.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, determinou xunto ao resto do executivo ofrecer
uns festexos de María Pita “reducidos e acordes” á realidade actual. Un dos
obxectivos fundamentais é presentar unha programación cultural absolutamente
local e galega co fin de axudar a mitigar o dano causado pola pandemia na industria
cultural coruñesa.
Neste senso, todos os grupos, agrupacións ou compañías serán exclusivamente
coruñeses e galegos.
En todos os eventos levarase a cabo un protocolo COVID de cara a garantir a total
seguridade das e dos artistas e mais do público asistente, aínda que no caso de que
exista o mínimo risco para a saúde da poboación, optarase por suspender as
actividades previstas.
A Feira do Libro, o salón Viñetas desde o Atlántico e a feira Mostrart de artesanía
manteranse xa que cumpren coas premisas de seguridade recomendadas pola
Consellería de Sanidade.
Todos os eventos realizaranse ao aire libre seguindo o consello das autoridades
sanitarias.
Co fin de reforzar o protocolo de seguridade montaranse varios escenarios que
facilitarán a correcta distancia social entre as e os espectadores.
Haberá unha capacidade máxima para cada unha das citas programadas de 400
persoas que deberán reservar a súa localidade de forma gratuíta a través dunha
plataforma electrónica, a cal se anunciará o máis cedo posible.
Os eventos culturais comezarán o vindeiro sábado día 1 de agosto e finalizarán o
domingo 9 de agosto.
Non haberá pregón co obxecto de evitar aglomeracións indesexadas.
O Festival Noroeste terá unha duración de tres días (7, 8 e 9 de agosto), e o cartel
estará formado integramente por grupos locais e galegos.