Programa da Feira do Libro:
O programa este ano prescinde de presentacións pero contará con máis dun
cento de sinaturas até o día 10, para o que se seguirá un protocolo estrito, co fin
de garantir a máxima seguridade entre as autoras e autores e o público
A Coruña, 30 de xullo de 2020.-
O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou esta
tarde a 49 edición da Feira do Libro da Coruña, que se inaugurará o sábado, ás
12.30 horas, nos Xardíns de Méndez Núñez. O edil explicou que haberá 16
expositores, ocupados por catro editoriais e 12 librarías, que ofrecerán as novidades
literarias até o 10 de agosto nunha entrega, en que se suprimirán as presentacións,
dada a situación actual. Pola contra, haberá 107 sinaturas de escritoras/es do país,
para o que se seguirá un protocolo estrito establecido pola Consellería de Sanidade,
co fin de garantir a máxima seguridade entre as/os autoras/es e o público.
Borrego sinalou que a realización do evento vén da unión dun sector que realizou
todos os esforzos posibles para que for unha realidade: “Tamén confirma que as
institucións somos conscientes de que a cultura necesita o maior dos impulsos. Todas/os sabemos que un pobo sen cultura é un pobo sen identidade”. Por iso, o
concelleiro falou da importancia de reactivar a industria cultural e darlles visibilidade
a todas esas historias que quedaron sen seren compartidas ao longo destes meses.
O edil animou a todas as coruñesas e coruñeses a daren unha volta pola feira, que
este ano cambia a súa localización ao Cantón Pequeno para favorecer a distancia
social, con tres casetas reservadas para sinaturas: “O sábado unha representación
do sector chega aquí con toda a súa colección de volumes para manter viva esa
relación tan bonita que hai entre as/os libreiros e as/os lectores, “para que entre
todas e todos poidamos darlle un empurrón ao sector que nunca falla a súa cita na
Coruña”.
Á rolda de prensa, asistiron tamén Nani Regueira, coordinadora da Federación de
Libreiros de Galicia; o deputado Xurxo Couto; e o xefe territorial da Xunta na
Coruña, Severino Álvarez.
Regueira manifestou que a forma de visitar a feira estará perfectamente sinalizada
para que as persoas asistentes sigan unha única dirección e non entorpezan o
paso. Nas sinaturas, as e os visitantes agardarán a súa vez e atenderase unha
quenda por vez, dun máximo de catro persoas: “Queremos que sexa un evento
seguro para todas e todos”, afirmou Regueira, que destacou a boa coordinación
entre as tres administracións públicas.