Coincidindo coa Fase 3 da desescalada que se implantará na
comunidade galega, e co fin de satisfacer as necesidades de
mobilidade da cidadanía no proceso cara á nova normalidade
O servizo desenvolverase con todas as garantías de seguridade e
hixiene, seguindo os mesmos protocolos de seguridade aplicados
desde o inicio da crise sanitaria
A Coruña, 6 de xuño de 2020.- Coincidindo coa implantación da fase 3 de desescalada no
proceso cara á nova normalidade, a Compañía de Tranvías reactivará a partir do luns, 8 de
marzo, a totalidade do servizo habitual de transporte urbano. Así, o 100% da frota sairá á
rúa para atender as necesidades de mobilidade das persoas usuarias.
Durante as últimas dúas semanas o servizo xa se viu incrementado nun 30% respecto á
fase 1, e con este novo paso facilitarase á cidadanía que renoven a súa actividade
movéndose nun transporte público e con todas as garantías de seguridade.
A Compañía de Tranvías manterá vixentes todas as medidas de hixiene e prevención xa
establecidas como a colocación de biombos de seguridade na cabina do condutor ou as
medidas especiais de limpeza e desinfección dos vehículos, que a partir da próxima
semana incluirán a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico para as persoas
usuarias. O compromiso da Compañía de Tranvías e a súa eficacia á hora de implantar as
medidas de protección verase en breve referendado pola certificación AENOR fronte ao
COVID-19. Este selo avala a adecuada implantación de medidas de seguridade e hixiene
de maneira que as empresas e institucións poidan garantir ás persoas usuarias, as súas
empregadas e empregados e á súa clientela que nas súas instalacións están a
desenvolverse prácticas eficaces para a xestión dos riscos derivados do COVID-19.