miércoles, 24 de junio de 2020

O concello destaca o comportamento exemplar da veciñanza durante a noite de San Xoán



A Coruña viviu unha festa atípica, en que apenas se rexistraron incidencias

O Goberno local pon en valor o papel responsable da hostalaría, nunha noite importante para o sector

Atendéronse unhas 200 chamadas ao 010 por pequenas molestias e recolléronse 197 toneladas de residuos, cifras similares ás dunha noite normal

A Coruña, 24 de xuño de 2020.- 

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, acompañada do responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, fixo esta mañá un balance da festa de San Xoán, da que a edila destacou “o comportamento exemplar da veciñanza” durante unha noite, en que A Coruña gozou dunha festa atípica e moi tranquila.

Fontán felicitou, en nome da alcaldesa, tanto as veciñas como aos veciños nas súas reunións como ao sector da hostalaría que onte abriron os seus negocios “por cumprir as medidas de seguridade, de limpeza e de capacidade dos locais”. Tamén remarcou a aqueles establecementos “que decidiron sacrificar unha noite tan importante e non abriron as súas portas”. En total, autorizáronse 303 grelladas entre particulares e establecementos de hostalaría.

Tal e como sinalou a concelleira, durante os festexos as incidencias foron mínimas. A Policía Local tan só tivo que intervir en casos de malos estacionamentos e en dúas cacharelas, unha no Campo de Marte e outra na rúa Ribeira Sacra, nas que se tivo que sancionar a dous grupos de persoas por desobediencia á autoridade policial e por incumprir o bando municipal.

Canto á limpeza, Fontán explicou que se recolleron un total 159 toneladas de residuos inorgánicos e 38 de residuos orgánicos, “un día normal na cidade”. O feito de que o acceso ás praias estivese pechado reduciu a recollida de lixo noutras 159 toneladas. Neste sentido, a responsable de Medio Ambiente sinalou que é un bo momento para poñer de relevo a necesidade de concienciar á cidadanía da necesidade de reducir os residuos e felicitou a veciñanza polo seu comportamento cívico ao recoller todo o lixo tras a festa.

O 010 recibiu un total de 200 chamadas, a maior parte delas para informar de ruídos. O resto de avisos tivo que ver con casos de auxilio cidadán de pouca relevancia.