O concello decide suspendelos ao non poder garantir as medidas de seguridade e
de hixiene e que se desenvolvan nos termos das convocatorias anteriores
A Coruña, 5 de xuño de 2020.- O concello cancela os programas educativos
internacionais Bolsas USA 20-21, Acore e Idiomas do mundo pola incerteza xerada
polo desenvolvemento da pandemia e ao non lles poder garantir ás familias e
beneficiarias/os que se poidan cumprir as medidas de seguridade e de hixiene. Ante
esta situación, o Goberno local decide non seguir adiante coas convocatorias por
non poder asegurar que se leven a cabo os programas nos mesmos termos doutros
anos. Así que deixa sen efecto a resolución en que se aprobaron as bases
reguladoras das Bolsas USA, dirixidas a estudantes de 4.º da ESO, en que se lles
ofrecía a opción de adquiriren un dominio avanzado da lingua inglesa coa
realización dun curso equivalente a 1.º de Bacharelato nos Estados Unidos.
Do mesmo xeito, anúlase “Idiomas do mundo 2020” que posibilitaba a estadía do
estudantado de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato en Francia, Irlanda, Portugal e
Alemaña ou Austria durante catro semanas do verán, co fin de melloraren a
competencia nalgunha das linguas europeas máis faladas no mundo. Por mor da
crise sanitaria internacional, tampouco se poderá desenvolver o programa Acore, en
que se ofertaban cinco prazas para que tituladas/os superiores en formación
profesional nos ciclos formativos de Hostalería e Turismo, Comercio e Márketing, eAdministración e Xestión realizasen prácticas en empresas de Austria, Italia e Reino
Unido.
SUMMER TALK CORUÑA
A Concellería de Educación, en colaboración coa Federación de APAS da Coruña,
porá en marcha en xullo o programa Summer Talk, con actividades de dinamización
dirixidas ao alumnado da ESO para a mellora da expresión e comprensión oral da
lingua inglesa.