Isabel Zendal, María Pita, Caio Sevio Lupo ou Eusebio da Guarda protagonizarán
estas pezas audiovisuais en que recordarán brevemente a súa relación cos
centros e convidarán a veciñanza a que os volvan visitar pronto
A Coruña, 17 de maio de 2020.- Os centros museísticos da cidade realizarán distintas
actividades polo Día Internacional dos Museos, baseándose no lema “Museos pola
igualdade, diversidade e inclusión”. Aínda que as instalacións decidiron trasladar a
celebración da efeméride ao 14 de novembro, de acordo coa proposta de ICOM
(Consello Internacional de Museos) España, participarán igualmente na Semana
dos Museos subindo contidos a través das redes co seu cancelo.
En colaboración co Consorcio de Turismo, organizarán tamén cinco vídeo-visitas
breves caracterizadas. Nelas, distintos personaxes históricos da cidade, os cales
gardan unha estreita relación cos museos e as casas, mandarán mensaxes de entre
20 e 30 segundos desde un punto de vista reivindicativo e de loita pola igualdade
que farán fincapé na temática deste ano.
Por outra banda, crearase o cancelo #revivirosmuseos co fin de agrupar todas as
achegas da cidadanía e dos museos e as e os personaxes rematarán a súa
intervención con esta frase e cunha chiscadela ao público para que volva visitar
pronto os museos. A embaixadora da Domus será Isabel Zendal, que abandeirou a
Expedición Balmis, mentres que na Casa María Pita, a heroína saudará a veciñanza nunha posta en escena que contará co arquitecto Caio Sevio Lupo, en
representación da Torre de Hércules.
Pola súa parte, Juan Díaz Porlier protagonizará a peza desde o Museo Arqueolóxico
e Histórico do Castelo de San Antón, onde estivo preso pola súa condición
liberalista e Eusebio da Guarda representará a Casa Picasso por estudar o pequeno
xenio no colexio da praza de Pontevedra que leva o seu nome. Á súa vez, o museo
MEGA da Estrella Galicia lanzaralles un reto aos museos municipais.