viernes, 1 de mayo de 2020

O concello amplía esta fin de semana o espazo peonil no paseo marítimo para facilitar a práctica do deporte


Xa comezaron os traballos para habilitar os dous carrís contiguos ao paseo ao longo de todo o seu percorrido para garantir que se cumpran os protocolos de seguridade sanitaria

O Goberno local aumenta as zonas peonís na cidade para que as coruñesas e os coruñeses poidan manter a distancia social ordenada polo Goberno nas distintas fases de desescalada

A Concellería de Mobilidade suprimirá de maneira temporal un carril de circulación nas rúas avenida da Habana, Manuel Murguía e Os Cantóns e habilitará un corredor peonil entre Catro Camiños e Matogrande. 

A Coruña, 1 de mayo de 2020.

O concello ampliará esta fin de semana a zona peonil no paseo marítimo co fin de facilitar a práctica do deporte e garantir a distancia social. Así, habilitaranse os dous carrís contiguos ao paseo ao longo de todo o seu percorrido, para favorecer que se cumpran as medidas de seguridade nos distintos tramos horarios habilitados para corredoras/es, ciclistas e viandantes, xa sexan persoas adultas ou nenas/os, tal e como explicou a alcaldesa, Inés Rey. Persoal traballador municipal comezou xa as tarefas para establecer este dispositivo, que estará listo mañá a partir das 6 da mañá. A intención é a de establecer este dispositivo cada fin de semana e amplialo se é necesario a toda a semana. Inés Rey apuntou que “esta medida forma parte do plan de mobilidade que deseñou o concello para ampliar os espazos peonís en toda a cidade co fin de garantir que no proceso de desescalada se cumpran os protocolosde seguridade e distanciamento entre persoas, aproveitando que descendeu o tráfico rodado”. 
 A alcaldesa apelou á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para respectar o proceso de desconfinamento e cumprir os tramos horarios para saír á rúa, co fin de evitar riscos.

Así, o concello suprimirá desde este luns e de maneira provisional carrís de circulación en Manuel Murguía e a avenida da Habana, na contorna de Riazor e nos Cantóns, e ampliará a zona peonil desde A Mariña ata a praza de Mina. “O obxectivo é evitar as aglomeracións e facilitar que a xente poida saír a dar paseos”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, quen sinala que están a estudar a idea de habilitar un corredor peonil entre a zona de Catro Camiños e o barrio de Matogrande. Esta é unha actuación que se podería implantar de maneira definitiva se se comproba que o modelo funciona.

Deste xeito, cóbrese a área con menos zonas peonís e maior índice de poboación infantil. Hai outros moitos barrios da cidade que xa contan con espazos propios, como a zona de Monte Alto que dispón do paseo marítimo ou Novo Mesoiro.

Outra das medidas previstas é o cambio provisional do ciclo semafórico en verde para os peóns e peoas para evitar a aglomeración de persoas en cruzamentos regulados por semáforos. Tamén se irán incrementando de maneira gradual o número de bicicletas nas estacións de BiciCoruña, servizo de alugueiro de bicicletas municipal que se reactivou a semana pasada.