A concelleira Esther Fontán lembra que as duchas, os aseos e o posto de
socorristas non estarán en funcionamento ata o comezo oficial do período de praias
o próximo 15 de xuño
A Coruña, 24 de maio de 2020.- Tras o pase de Galicia á Fase 2 da desescalada,
desde o vindeiro luns día 25 estará permitido tomar o sol e bañarse nas praias,
motivo polo cal as áreas de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente do Concello da
Coruña activarán un protocolo que abarcará desde o mesmo luns 25 ata o 15 de
xuño, data de apertura oficial, como todos os anos, do período de praias.
A coordinación desta primeira fase correrá a cargo dos mandos de Seguridade
Cidadá que vixiarán que se cumpran as normas de distancia e capacidade en cada
un dos areais; para iso instalarán un Centro de Mando na Coraza do Orzán desde
onde dirixirán todo o operativo. Este centro permanecerá aberto todo o verán, con
labores non só de coordinación e vixilancia senón tamén de información e
seguimento. Ademais instalarase un servizo de megafonía que xunto coas cámaras
de tráfico contribuirán ao mellor desenvolvemento destes labores.
Ao longo do luns e martes, técnicos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá
supervisarán a instalación dos valos que pecharán a praia de Riazor desde As
Escravas á Coraza e sinalizaranse os accesos polos que deberán entrar e saír os
coruñeses dos cinco areais da cidade: Riazor, Orzán - Matadoiro, Lapas, Santo
Amaro e Oza. Haberá un único sentido de baixada e outro de subida no que será necesario gardar tamén as distancias, e teranse en conta os accesos para persoas
con dificultades de mobilidade. Así mesmo, os técnicos de Medio Ambiente
acompañados de responsables da empresa CESPA de limpeza e recollida de lixos
comprobarán que os accesos permitan a posterior limpeza dos areais así como a
recollida dos residuos.
O responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, sinala que "a
colaboración cidadá é fundamental á hora de manter as medidas de seguridade
aprobadas polo Goberno e para calquera cousa que necesiten non dubiden en
acudir ao centro de mando que estará instalado na coraza ou chamando como
sempre á sala do 092, e demais servizos de seguridade e emerxencias da cidade:
112, 091, 080".
Desde Medio Ambiente lembran que as duchas non estarán en funcionamento, do
mesmo xeito que outros servizos como o posto de socorristas ou os aseos ata o
comezo oficial do período de praias o próximo 15 de xuño. “Estes días que van
desde o luns 25 ata o próximo día 15 xuño servirán tamén para ir pulsando sobre os
propios areais a resposta dos cidadáns e corrixir aqueles aspectos que se poñerán
definitivamente en funcionamento a partir do 15: control de aforo en tempo real,
aviso de pleamares e desaloxo de praias en caso de mareas vivas con antelación
suficiente, medidas de hixiene e salubridade en todos os areais, posta en
funcionamento do servizo de Salvamento e Socorrismo...”, asegura a concelleira
Esther Fontán.
Os servizos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá seguirán traballando
estreitamente nos próximos días e ao longo de todo o verán para que esta nova
situación sexa o máis levadía e menos molesta posible para os coruñeses. Fontán
sinala que "somos conscientes de que ningún sistema que poidamos aplicar vai
satisfacer á totalidade dos coruñeses que se acheguen ás praias”.