A Coruña, 12 de maio de 2020.- O Concello da Coruña, tras a situación que se observou na xornada de onte con
respecto ao funcionamento dalgunhas terrazas, quere informar do seguinte:
A situación observada onte nalgunhas terrazas da cidade non responde ao espírito
da instrución pública que presentou a semana pasada para garantir o
distanciamento social e a saúde nestes elementos de mobiliario.
A Concellería de Urbanismo recorda que todas as medidas que se toman ao
respecto realízanse en beneficio do sector hostaleiro e que son acordes ao que
permite o Goberno central co fin de frear a pandemia. Neste sentido, lémbranlle á
cidadanía a importancia de non relaxarse nesta fase de desescalada e de gardar a
distancia social porque, de non o facer, poderiamos dar un paso en falso e volver
atrás.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembra que o número de mesas
permitidas limítase ao 50% do número total de mesas que xa tiñan autorizadas
previamente, agás nos espazos públicos que constan no Anexo, en que se
autoriza incrementar a superficie destinada a terraza. Neste caso, poderase
incrementar o número de mesas recollido no apartado anterior, mais deberase
respectar, en todo caso, a proporción do 50% entre mesas e superficie
dispoñible e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no
mesmo tramo da vía pública en que se sitúe a terraza, e que, en ningún caso,
pode superar o número de mesas que constan na solicitude de licenza.
As mesas ou agrupacións de mesas deberán estar, como mínimo, a dous metros
unhas das outras. O Goberno autoriza as reunións nas terrazas de até un e máximo
de dez persoas por mesa ou conxunto de mesas. Ademais, os locais deberán
cumprir as medidas de hixiene e prevención que esixen as autoridades sanitarias.
Beirarrúas:
1. Avenida de Linares Rivas
2. Cantón Pequeno
3. Avenida da Mariña - Obelisco
4. Avenida da Mariña- Dársena
Rúas peonís:
1. Rúa Emilia Pardo Bazán
2. Cidade Vella
3. Rúa Corcubión - Mercado das Conchiñas
4. Rúa Barcelona
5. Rúa Ángel Senra
6. Rúa da Gaiteira
7. Rúa Posse
8. Rúa Cuba
Prazas:
1. Praza de María Pita
2. Praza de España (Campo da Leña)
3. Praza de Lugo
4. Rúa Manuel Azaña
5. Rúa Corcubión - Praza das Conchiñas
6. Polígono de Vioño
7. Praza da Fábrica de Tabacos
8. Praza da Gaiteira
9. Praza Centro Comercial
10. Rúa Vicente Ferrer
11. Rúa Emilio González López
12. Praza Padre Rubinos
13. Praza de Santa María
14. Paseo Marítimo - Circunvalación
15. Praza das Atochas
16. Praza da Cormelá
17. Rúa Perillá
18. Rúa Pastoriza
19. Praza do Africano
20. Praza de Santo Andrés
21. Praza Fonte Luísa
22. Travesía do Orzán
23. Rúa José Luis Pérez Cepeda
24. Praza da Alcaldesa Berta Tapia
25. Rúa Enrique Mariñas Romero
26. Praza do Papagaio
A Administración local velará porque se cumpran as normas establecidas no
referente ás terrazas, co fin de que se poida seguir movendo a economía nos locais
de hostalaría e de que a veciñanza acuda a elas con garantías de seguridade e
salubridade.