sábado, 9 de mayo de 2020

As obras do polideportivo do Castrillón comezan este luns




Coa edificación deste complexo de tres plantas, o Goberno local dá resposta a unha vella demanda do barrio. Contará con espazos para practicar deporte, ocio e coidado da saúde, así como cunha piscina e cunha zona SPA 

A Coruña, 9 de maio de 2020.- As obras do polideportivo do barrio do Castrillón comezarán este luns cun prazo máximo de execución de dez meses, logo de que o concello asinase onte a acta de replanteo. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que con esta actuación, o Goberno local dá resposta a unha vella demanda da veciñanza do Castrillón, que leva anos solicitando que se dote o barrio de infraestruturas deportivas. 

Os traballos, adxudicados á empresa Desarrolla Obras y Servicios SL por un importe de 1.536.000 euros, consistirán en construír un complexo deportivo cunha superficie de 3.445,95 metros cadrados, repartidos entre dúas plantas e mais o baixo. 

O primeiro piso incluirá a pista polideportiva, que terá unhas dimensións 23,50 x 44,40 metros, habilitados para acoller distintas disciplinas, xunto a unha bancada retráctil con capacidade para entre 100 e 120 espectadoras/es. A instalación poderá dividirse en dúas mediante un sistema de cortinas. Na planta primeira tamén estarán situadas a piscina e o spa e contará cun vaso de natación de 25,00 x 10,00 metros, unha piscina de hidromasaxe, zona de saunas con sauna seca e de vapor e zona de duchas con cinco cabinas destinadas a ducha cubo, escocesa, bitérmica e tres estacións, así como unha fonte de xeo e pediluvio. Noutro bloque, acondicionaranse salas para practicar distintas actividades deportivas, de ocio e coidado da saúde e dúas máis destinadas a especialidades específicas como pilates ou stretching. Ademais, haberá a opción de crear dous espazos nunha delas a través de paneis móbiles. 

Os equipamentos do primeiro piso completaranse con vestiarios masculino e feminino, servizos e fisioterapia. Este último espazo para fisioterapia e masaxes estará localizado xunto á zona SPA, con acceso desde as saunas. Fóra do estritamente deportivo e do dedicado a tratamentos, habilitarase unha área social e de administración, en que estarán as oficinas, os vestiarios para o cadro de persoal do centro e un posto de enfermaría e socorrismo. 

Xa na planta de arriba, reservarase outra área para actividades deportivas, de ocio e coidado da saúde, que disporá dunha sala para realizar exercicios cardiovasculares e de musculación (aeróbic, aparatos etc.), e unha segunda para actividades específicas como pilates ou stretching, que á súa vez se poderá converter en tres estancias, diferenciadas mediante paneis móbiles. Seguidamente, estarán os aseos masculino e feminino previos ao control de acceso para espectadoras/es da pista polideportiva. 

Por último, no baixo situarase a entrada ao recinto, aínda que tamén se permitirá acceder desde o exterior, onde se poderá desfrutar de máis instalacións para practicar outros deportes e actividades.