martes, 14 de abril de 2020

As voluntarias e voluntarios de Protección Civil repartiron máis de 2.000 menús durante o estado de alarma



O corpo realizou 94 compras de alimentos e fixo até 433 entregas de material de  prevención nun período de confinamento en que chegaron ás 2.559 actuacións  de cara a lle facilitar a vida á veciñanza que non pode saír da casa 

A Coruña, 14 de abril de 2020.- As voluntarias e voluntarios do corpo de Protección  Civil repartiron 2.015 menús desde que se decretou o estado de alarma até a  semana pasada, unha tarefa que se intensificou especialmente nos últimos días en  que chegaron a distribuíren 455 menús ente as xornadas do 6 e do 7 de abril e 409,  os días 8 e 9. 

Ademais, fixeron 94 compras de alimentos a particulares e levaron material de  protección a outras/os 433 nun período en que asumiron outros labores como o de  animar a rapazada que está de aniversario, acudindo á súa rúa a cantarlles os  parabéns. As e os efectivos déronlles sorpresas a 17 nenas e nenos da cidade  desde que comezaron o 3 de abril. 

En total, sumaron un total de 2.559 actuacións nestas semanas de confinamento  nos fogares. Canto ás persoas cooperantes, déronse períodos en que colaboraron  até 70 operarias/os de Protección Civil pero tamén contaron a maiores con persoas  inscritas no equipo de voluntariado no concello, co fin de cubrir as necesidades  básicas da veciñanza e, en todo, caso, rexistrouse unha media de máis de 50cooperantes a pé de rúa co obxectivo de lles facilitar a vida ás persoas que por seren dependentes ou teren a súa mobilidade reducida, non poden saír da casa.