martes, 21 de abril de 2020

O Servizo Municipal de  Bibliotecas do Concello da Coruña “móllase polos libros”




Os centros municipais lanzan unha campaña polo Día do Libro en que apostan  polo acceso universal á cultura e preparan actividades que difundirán a través de  medios convencionais para lle achegar a lectura á cidadanía que non se manexa  nas redes.

A Coruña, 21 de abril de 2020.- O Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña  lanza a campaña “Mollámonos polo libro”, en que amosa o seu compromiso co sector do  libro e aposta por lles dar acceso á cultura a todos os públicos. Con motivo do Día do Libro,  que se conmemora este xoves, a Rede de bibliotecas municipais da Coruña únese ás  diferentes manifestacións que se están dando no mundo da cultura para pór en valor este  obxecto con tapas e a todas e todos os axentes implicados nel co fin de que non se queden  atrás. 

Baixo o lema “Mollámonos polo libro”, a campaña evidencia a fraxilidade dun sector que  vive o seu día grande no medio dunha ameazante tormenta. Por iso, desde os centros  bibliotecarios quérenlles lanzar unha mensaxe de unidade e apoio a todas as actrices e  actores do mundo do libro. 

Esta orixinal iniciativa lidera un programa de actividades dirixidas a todos os públicos que,  xunto coa súa programación actual (que se pode atopar baixo o cancelo  #BibliotecaenCasa), definirán a adaptación do servizo municipal nun contorno atípico onde  os medios de comunicación constitúen un aliado indispensable para que as persoas  usuarias se poidan introducir no sistema bibliotecario da cidade. 

Ademais da información publicada na páxina web e dunha programación diaria nos espazos  virtuais (blogs e perfís de Facebook, Twitter e Instagram), en que se ofrecen recursosformativos e informativos, contacontos e divertidos retos, a rede de bibliotecas municipais  impulsa o seu compromiso coa democratización da cultura e cos colectivos non conectados  mediante a presentación de programas deseñados para a súa execución en medios de  comunicación convencionais. 

Deste xeito, as bibliotecas da Coruña presentarán “Lemos para ti”, un conxunto de  narracións orais que as traballadoras e traballadores dos centros difundirán a través da súa  canle de Spotify e na radio, un medio imprescindible para que a cidadanía menos  familiarizada coas redes poida desfrutar da literatura.