A alcaldesa Inés Rey reuniu ao seu goberno para analizar as medidas a tomar, que
hoxe constaron tamén na entrega de 15.000 novas máscaras en mercados,
transporte público ou entre o voluntariado e que se ampliarán cun modificativo
negociado co resto da Corporación
A Coruña, 22 de abril de 2020.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniu ao seu goberno
a primeira hora desta mañá no Pazo de María Pita para analizar as medidas e servizos
que se porán en marcha de cara ao inminente inicio do “desconfinamento” así como
para seguir profundando nas actuacións que desde o Concello se están a tomar de
cara á recuperación económica da cidade tras a crise provocada polo Covid-19. Unha
vez coñecido que o goberno central comezará a rebaixar as restricións xerais
derivadas do Estado de Alarma nos próximos días, o executivo local acordou un novo
paquete de de medidas urxentes para abordar a nova fase da emerxencia. Así, entre
outras medidas, unha das primeiras será a desinfección das zonas verdes e parques
públicos, pechados até agora, para así darlle a maior seguridade aos necesarios
paseos controlados das nenas e nenos, así como reapertura do servizo público de
alugueiro de bicicletas, que hoxe mesmo se puxo en marcha, ou os programas que,
segundo as indicacións do Goberno central, haxa que poñer en marcha desde o
concello para paliar a moi probable cancelación de eventos festivos de carácter
masivo.
“Un goberno ten que ser previsor, e esa é a nosa vocación. Levamos moitas medidas
postas en marcha e sabemos que haberá que reforzalas e amplialas, polo que hoxe
decidamos tres horas de xuntanza para perfilalas e evitar, dentro do posible, a
improvisación. Polo seu coñecemento do terreo e a súa capacidade para escoitar
directamente as demandas veciñais, os concellos somos as administracións máis
preparadas para xestionar o desconfinamento e, á vez, seguir poñendo os alicerces da
recuperación económica”, indicou a alcaldesa tras a reunión, que tivo lugar no Salón
Dourado do Pazo de María Pita, coas correspondentes precaucións, e na que
participaron todos os concelleiros e concelleiras, agás a titular de Turismo, Diana
Cabanas, que o fixo de forma telemática.
O Goberno local profundou na situación de emerxencia sociosanitaria e estudou os
programas e actuacións municipais que non se poderán executar e que, por tanto, se
reorientarán de cara ao plan de reactivación económica en que se está traballando de
forma conxunta co resto de grupos políticos. Neste sentido, Rey apuntou que buscará
“o consenso con todas as forzas municipais nas Comisións de Facenda, que
empezarán esta semana, ante unha posible modificación do Orzamento 2020 para
facer fronte á necesaria reactivación económica e ao previsible aumento da
emerxencia social, prioridade que, como levamos facendo desde o comezo do
mandato, construiremos desde o diálogo”.
Así mesmo, durante a xuntanza, o equipo de goberno avaliou a situación de cada un
dos seus departamentos e a evolución dos programas postos en marcha desde o inicio
do Estado de Alarma decretado polo Goberno central. Así, abordáronse, entre outras
cuestións, os dispositivos de emerxencia social para xente sen fogar tras o aumento da
demanda observada nos últimos días ou a distribución de equipos de protección entre
as e os traballadores municipais e de concesionarias de servizos esenciais. Esta
mesma mañá repartíronse 15.000 máscaras máis entre as e os vendedores de
mercados municipais, transporte público, empregadas/os do SAD, voluntarias/os, e
servizos de Medio Ambiente, que se suman ás 25.000 distribuídas desde o principio
desta crise.
O Goberno local considera “especialmente importante" a decisión de manter o emprego
tras garantir a continuidade de todos os contratos dos servizos públicos. “Non se
suspendeu ningún convenio desde o inicio da crise nunha aposta firme polo
mantemento dos postos de traballo na cidade”, afirmou Inés Rey.
Por outro lado, falouse dos programas de ampliación do servizo de atención cidadá
010; co incremento dos postos de atención do servizo e de horas de traballo; o
funcionamento do voluntariado; o repartimento dos menús escolares ás familias máis
vulnerables (máis de 10.500 até este momento); o servizo “Acompáñote”, de atención
ás e aos nosos maiores e para combater a soidade; o incremento do talón restaurante
para persoas vulnerables e os comedores sociais; ou o servizo especial no
confinamento de atención ás vítimas de violencia de xénero. Ademais, o Goberno local
analizou o programa de apoio educativo “Ninguén atrás” de axuda ás familias sen
acceso aos recursos didácticos e educativos, que se iniciou hoxe precisamente co
repartimento de material nos fogares que demandaron o servizo.
As e os concelleiros avaliaron tamén a moratoria no prazo dos pagos de alugamento
para persoas en situación de vulnerabilidade económica e social e, neste sentido, os
trámites destinados ás e aos arrendatarios de vivendas municipais. Ademais, trataron a
evolución do servizo de mediación posto en marcha por Benestar Social para a
resolución de conflitos vecinais e persoais, en colaboración co Círculo de Mediación de
Galicia (Cimega). Do mesmo xeito, analizaron a afluencia de vehículos de sanitarias/os
nos aparcadoiros do Materno infantil, Abente e Lago, e do Oncolóxico, para coñecer os
datos de ocupación das prazas por se for preciso amplialas nas próximas semanas.
“O balance do feito até agora desde o concello, nunha situación inédita e moi
complicada, é razoablemente positiva, pero non se trata de mirar atrás senón de
manter ou acelerar o ritmo, porque hai moito camiño por percorrer, labor no que será
fundamental o apoio que recibamos por parte doutras administracións, coas que nos
coordinaremos e coas que é seguro que acadaremos, entre todas e todos e con
unidade, vencer ao virus e ás súas consecuencias”, resumiu a alcaldesa, que volveu
solidarizarse coas vítimas e agradeceu o traballo das persoas que combaten en
primeira liña o Covid-19, entre elas, o cadro de persoal municipal.