sábado, 11 de abril de 2020

O concello e a Delegación do Goberno poñen en marcha un plan de desinfección na cidade con camións que nebulizarán 22.000 litros de hipoclorito en cada viaxe


A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a colaboración da Delegación do Goberno para desenvolver esta titánica tarefa de limpeza en toda a cidade

A Coruña, 11 de abril de 2020.- O concello e a Delegación do Goberno porán en marcha un sistema de desinfección por toda a cidade que consistirá na nebulización dunha solución de hipoclorito cargada en dous camións de Demarcación de Estradas do Estado de enormes dimensións.

Os vehículos, que xa participaron na desinfección das zonas máis afectadas polo Covid-19 na Comunidade de Madrid, teñen tanques con capacidade para 10.000 e 12.000 litros, e traballarán nas principais rúas da cidade, como as roldas de Nelle e Outeiro, Linares Rivas, Manuel Murguía, a avenida de Arteixo ou o paseo marítimo. Medio Ambiente deseñou a ruta pola que pasarán os camións, que irán escoltados en todo momento por axentes da Policía Local debido ás súas grandes dimensións. O obxectivo é realizar unha desinfección xeral dos espazos públicos, das principais rúas e zonas de paso para eliminar partículas contaminadas que poidan causar contaxios de Covid-19. Estes vehículos foron empregados tamén no recinto feiral de Ifema, onde se instalou o hospital de campaña que agora atende a centos de persoas enfermas afectadas polo virus. A alcaldesa agradece a colaboración da Delegación do Goberno en Galicia nesta tarefa de desinfección, xa que é a primeira vez que estes vehículos se desprazan á comunidade galega. “O obxectivo é común para todas as administracións públicas e, neste caso, póñense os recursos do Estado e da cidade para combater unha pandemia que ten as e os coruñeses confinados desde o pasado 13 de marzo”. 

RUTAS

Unha vez que se reestruturen os equipos de desinfección da Concellería de Medio Ambiente e de CESPA, as primeiras rutas asignadas aos camións de Estradas do Estado, son:

RUTA 9, de 2 quilómetros e 5 minutos de duración, irá desde Santo André e praza de Pontevedra até Juan Flórez.
RUTA 10, dun quilómetro e nun tempo estimado de catro minutos, transcorrerá pola praza de Portugal, avenida da Habana e Manuel Murguía.
RUTA 11, de 5 quilómetros e 22 minutos, pasará pola praza de Mina, rúa Compostela, praza de Galicia, praza de Lugo, Médico Rodríguez, avenida de Arteixo, Federico Tapia, avenida de Fisterra e Palomar.
RUTA 12, de 7 quilómetros e 15 minutos de duración, centrarase no campus de Elviña.
RUTA 13, de 5 quilómetros e 5 minutos de duración, irá por Alfonso Molina e Pedralonga até a estrada de Eirís polo Oncolóxico.

CESPA encargarase das rúas que, debido ás súas dimensións, non permitan manobrar os camións de Estradas do Estado. 

Nos próximos días, remitiranse o resto dos percorridos que están sendo estudados polo persoal técnico da Concellería de Medio Ambiente, e mais os de CESPA, para seren reestruturados..