jueves, 2 de abril de 2020

Medio Ambiente desinfecta máis  de 800 contedores ao día para  evitar a propagación do Covid-19



A concesionaria de conterización reforzou e mellorou o servizo de limpeza  e desinfección dos contedores en todos os barrios da cidade 

A Coruña, 2 de abril de 2020.- A Concellería de Medio Ambiente, en colaboración  con varias empresas, reforza os labores de desinfección da cidade. A empresa  concesionaria do servizo de contenerización (UTE Atlántica) reforzou e mellorou o  seu servizo de limpeza e desinfección de todos os contedores da cidade,  contribuíndo con estes novos equipos á desinfección xeral da cidade. Cada día  desinféctanse entre 750 e 800 contedores orgánicos e inorgánicos, e entre 50 e 60  soterrados e semisoterrados.  

Á súa vez, a empresa construtora Desarrolla ofreceuse desinteresadamente a  sumarse aos servizos de desinfección de espazos públicos que xa veñen  desenvolvendo as tres empresas contratadas pola Concellería de Medio Ambiente  desde o inicio do estado de emerxencia. Os seis equipos da empresa Desarrolla  realizarán o seu traballo de desinfección na vía pública e mobiliario urbano ao longo  dos dez distritos nos que se dividiu a cidade para facer esta tarefa. Dentro de cada  distrito darase preferencia aos lugares onde exista maior tránsito de persoas:  supermercados, entidades bancarias, centros de saúde, paradas de autobús,  residencias de maiores, etc. 

Este traballo complementará ao que xa realizan os equipos contratados por Medio  Ambiente e que desenvolven a súa tarefa diariamente nos mercados municipais,pavillón dos deportes de Riazor, Cociña Económica, Cáritas, Padre Rubinos,  centros sociais, CEIPs e Escolas Infantís, instalacións peportivas, María Pita, etc.  Son traballos que se realizan desde as 07.00 h da mañá ata as 00.15 h da noite. Os  dous primeiros distritos que abordará Desarrolla, en función da densidade  poboacional, para a desinfección serán o distrito 8 (Catro Camiños, San Diego, Os  Castros, Os Mallos, Juan Flórez e Sardiñeira) e o distrito 9 (Paseo das Pontes,  Riazor, Labañou, Ciudad Xardín, Ventorrillo), pero ningún barrio da cidade quedará  sen desinfectar posto que se desenvolverán estes traballos en todos eles. 

Tamén se procederá a desinfectar os arredores de todos os centros sanitarios como  o Abente y Lago, centro de especialidades do Ventorrillo, centros de saúde, Teresa  Herrera, etc. 

Desde a Concellería de Medio Ambiente agradécese tanto o ofrecemento  desinteresado desta empresa da construcción como o magnífico traballo que están  a realizar os equipos das empresas contratadas pola Concellería.