Os víveres doados nesta iniciativa que promove a concellería son destinados á Cociña Económica, Cáritas e o Banco de Alimentos Rías Altas
A Coruña, 9 de abril de 2020.- A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación, en colaboración con Vegalsa, El Corte Inglés e Gadisa, inicia unha campaña de recollida de alimentos a favor da Cociña Económica, Cáritas e o Banco de Alimentos Rías Altas, que se prolongará ata o 20 de abril.
As persoas interesadas en colaborar doando alimentos para este fin terán á súa disposición nestas superficies comerciais do termo municipal carros para poder realizar as súas doazóns, que posteriormente serán recollidas polas diferentes entidades.
A recollida de alimentos en El Corte Inglés xa comezou a pasada fin de semana, e Vegalsa iniciouna o pasado luns día 6 de abril en 14 tendas Eroski Center e Familia. Pola súa banda, Gadis comezará a campaña de recadación o vindeiro martes día 14 nos 33 supermercados que a empresa galega ten na cidade.
Esta campaña súmase ás numerosas iniciativas que a Concellería de Benestar Social está a liderar e desenvolver durante a crise do coronavirus para axudar e protexer os colectivos máis vulnerables da cidade. As tres cadeas de supermercados colaboraron coa concellería en diferentes iniciativas durante esta crise.